Skip to main content
ActualidadeXermade

O PP de Xermade critica ao Goberno local por non reparar as fugas da traída

Por 17 Setembro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Xermade lamenta que “o goberno local recomende aos veciños facer un uso racional da auga da traída municipal mentres leva máis de 15 días sen reparar unha fuga na rede de abastecemento”.

Se ben entenden a recomendación de absterse de facer un uso desproporcionado da auga, sobre todo en actividades relacionadas con grandes consumos; os populares critican a “falta de coherencia” por parte do goberno do PSOE que “ante unha rotura na parroquia de Roupar nin actúa nin da orde de reparación”. Isto demostra para os concelleiros do PP “a súa total falta de xestión”. Ademais, lamentan que “sexamos os veciños os que teñamos que pagar as consecuencias ao quedar sen abastecemento en momentos de máxima necesidade”.

Con todo, dende o PP local sinalan que “non é só a falta de limpeza dos mananciais ou das acometidas o que deriva na necesidade de facer de forma periódica bombeos de auga sobre os que dubidamos da calidade sanitaria; senón que tamén é por falta de mantemento”.

É por iso polo que o Grupo Municipal Popular esixe que “o goberno local realice un mantemento continuo da rede de abastecemento de auga”. Igualmente, propoñen, de cara ao vindeiro exercicio que, co obxectivo de garantir un axeitado servizo aos veciños, o goberno municipal “programe unha inversión en infraestruturas hidráulicas que poden ser sufragadas pola achega do Plan Único da Deputación ou a través de axudas da Xunta de Galicia”.