O PSOE de Outeiro de Rei reclama un plan de subvencións para o agro

A voceira do PsdeG-PSOE de Outeiro de Rei Carmen Acacio rexistrou unha moción que será debatida no vindeiro Pleno, coa que reclama ao Concello que se implique na elaboración dun plan de subvencións, a través de permutas voluntarias de solo de explotación agrogandeira e forestal. “Presentamos esta proposta tras escoitar as queixas das familias afectadas polo retraso na execución das concentracións parcelarias no noso Concello, que en moitos casos, levan máis de 10 anos esperando unha solucción”, dixo.

Acacio, lembra na súa proposta, “que o noso Concello pasou de ter no ano 2002, 334 explotacións de gando bovino a 171 no 2019. Con este e outros datos vemos claramente como o sector primario de Outeiro de Rei vaise reducindo debido ao abandono das explotacións gandeiras e da vida no rural”. Outra sinal de alerta denotase “co saldo vexetativo da poboación que é de -41, é dicir, morren moitas máis persoas das que nacen, o cal non é nada prometedor para un concello que se prece de ser exemplo de futuro”.

A Voceira Socialista sinala que no 2005 varios veciños e veciñas do concello tiveron a iniciativa de pedir unha concentración parcelaria, co fin de que os axudase a seguir traballando nas súas explotacións gandeiras e agrícolas. Tróuxose daquela, un momento no que había moita máis actividade gandeira, unha iniciativa por parte do Grupo Socialista para solicitar que este Concello fixese todas as xestións necesarias para que se levase a cabo unha concentración nas parroquias situadas ao norte do trazado da Autoestrada A-VI; sen embargo, a corporación municipal encabezada polo daquela xa Alcalde, Pardo Lombao, rexeitouna.

Critica que “a día de hoxe só as parroquias de Castelo e Parada, despois de 20 anos, teñen concentración. E nas parroquias de San Fiz de Paz, Arcos, Sobrada de Aguiar, San Lourenzo de Aguiar, Vilela, Matela, Folgueira e Taboi o proceso para executalas iniciouse no ano 2011.” Por iso advirte que “estamos rematando 2020, e seguimos sen saber nada destas concentracións, vitais para o futuro de moitas familias do noso Concello”.

Con estes argumentos o Grupo Socialista de Outeiro de Rei “propón que o Concello se posicione ao lado dos máis de mil veciños e veciñas afectados por esta nefasta xestión e implicación do Goberno de Feijóo, e intente ofrecer unha solución ao grave problema do rural galego: O minifundismo”.

Etiquetas