Asociación de Empresarios de Meira: “Xa temos pensadas máis cousas para outono e Nadal”

Durante o confinamento xestouse e agora xa é oficial a refundación da Asociación de Empresarios. Diego Méndez Costa é o seu presidente.

Como xurdiu a idea de creala?

A idea xa levaba dende finais de 2018 sobrevoando a miña cabeza e a de varios amigos. Sen embargo por compromisos sempre se foi dilatando a decisión de refundar a antiga Asociación de Empresarios. A raíz da crise da covid-19 vimos a necesidade urxente de crear un organismo que defenda os intereses dos empresarios e autónomos. Así fixemos unha reunión con este resultado, o rexurdir da asociación.

Cantos socios son xa?

A verdade é que dende a posta de largo a acollida non puido ser mellor. Cada semana seguimos incrementando o número de asociados. Na actualidade imos nuns 120 o que me parece un gran éxito tendo en conta de que aínda non levamos un mes de actividade e que non podemos facer grandes esforzos na captación personal pola situación.

Cales son os proxectos inmediatos?

Dado que este ano Meira non podía celebrar as súas festas patronais decidimos sacar adiante unha actividade para intentar paliar a baixada do movemento comercial. Nós quixemos animar o consumo sorteando bonos canxeables entre os clientes da vila e tivo moi boa acollida, o que nos anima a continuar nesta liña de apoio ao pequeno comercio local. De feito, a seguinte actividade tamén vai ir encamiñada ao fomento das compras locais. Para máis adiante temos pensadas máis cousas, para o outuno e Nadal. Fóra do pequeno comercio iremos dando solucións aos socios, tanto profesionais independentes como para un sector tan castigado coma a hostelería. Non queremos esquecernos de ninguén e estamos abertos a suxestións.

O seu obxectivo final?

Facer actividades que beneficien aos nosos asociados pero temos que chegar a ser unha entidade que de soporte, asesoramento e mediación aos asociados.

Etiquetas