Skip to main content
Actualidade

Este sábado se celebra o Convivio da Cultura Galega aprazado pola covid-19

Por 23 Setembro, 2020Sin comentarios

A Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María organizan para este sábado, 26 de setembro, unha nova edición, a sétima, do Convivio da Cultura Galega. Actividade posposta para esta nova data, após o adiamento do pasado mes de xullo, e acomodada á situación sanitaria actual, que se centrará na análise que levarán a cabo distintas entidades do país sobre o estado da cultura nacional e o papel do asociacionismo de base no actual contexto.

O Convivio dará comezo ás 11.30 horas, cunha ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro de Rei, trasladándose posteriormente ao auditorio da Casa-Museo, onde ás 12 hrs, representantes das entidades culturais que conforman Galiza Cultura manterán un encontro sobre o estado da cultura nacional e o papel do asociacionismo de base no actual contexto e deseñarán iniciativas conxuntas a desenvolver durante o ano 2021.

Ás 16 hrs, na horta da Casa-Museo, Quico Cadaval levará a cabo a narración oral “O complexo de Edipo”. Un espectáculo que comezou como un comentario de texto escolar para acabar convertido nun diálogo imaxinario do narrador coa sua nai sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas (Grecia). Gastronomía! Épica! Alta Cultura! Mexericos! Psicanálise! Noticias sorprendentes sobre a monarquía española! Todo en 71 trepidantes minutos, nun monólogo traxi-ridículo.

Esta última actividade é de entrada libre mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas para presenciar o espectáculo é menor.