Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Friol aproba unha ordenanza para controlar a actividade madeireira

Por 28 Setembro, 2020Sin comentarios

O Concello de Friol, que dirixe José Ángel Santos, vén de aprobar unha ordenanza para controlar as extractivas de madeira e poder evitar así que as vías municipais se vexan deterioradas por este motivo.

O sector forestal e a actividade madeireira con ela asociada constitúe un sector económico moi relevante no municipio de Friol, tanto pola súa extensión como polo que supón para a sostibilidade económica dos veciños e veciñas.

A explotación forestal do monte e, concretamente, as actividades de saca, depósito e transporte da madeira que se corta, polas que se utilizan vías de titularidade municipal, supón un uso do dominio público dunha intensidade que, en moitos casos, impide o uso normal en xeral por parte do resto dos usuarios e usuarias das mesmas debido o gran deterioro que producen no firme da rede viaria as actividades derivadas da corta e saca da madeira.

Estes danos producidos por este motivo nas vías municipais supoñen un gran incremento nos orzamentos que o Concello debe destinar para o mantemento en bo estado das mesmas, para que así toda a veciñanza poida facer uso delas, para os traballos agrícolas, gandeiros, ou o que precisen.

O alcalde José A. Santos destaca que o obxecto da Ordenanza que o Concello de Friol vén de aprobar no último pleno é “cualificar e regular os usos comúns especiais dos camiños de titularidade municipal, con motivo das operacións de depósito, arrastre e transporte de madeira provinte das cortas de madeira nos montes do municipio”.

Entre as normas establecidas por esta ordenanza, destaca a esixencia de licenza municipal para o uso especial regulado e a exixencia da prestación dunha garantía que cubra preventivamente o risco de deterioro especialmente importante polos gastos que supón a restauración da vía afectada á situación en que se atopaba antes dos depósitos, arrastres e transportes autorizados. Esta garantía irá dende os 750 € aos 7.000 €, dependendo do volume de corta.

O alcalde asegura que con esta ordenaza a empresa madeireira será única responsable directa de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo do depósito e saca, depósito e transporte da madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello velará especialmente para que as devanditas operacións de saca de madeira, non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en axeitado estado de conservación, limpeza e seguridade.

De non quedar en bo estado, a empresa estará obrigada a asumir os custes da reparación dos estragos producidos nas vías, estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local. A obriga de limpeza deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

As infraccións desta Ordenanza serán sancionadas con multas económicas, que irán dende os 300 € ata os 5.000 €, tendo en conta se é unha infracción leve, grave, ou moi grave.