Skip to main content
A PastorizaActualidade

Volven convocar na Pastoriza o concurso de fotografía sobre a muller rural

Por 2 Outubro, 2020Sin comentarios

Por segundo ano consecutivo, co gallo do Día Internacional da Muller Rural, dende a Área de Muller e Igualdade do Concello da Pastoriza, aposta por visibilizar a través da fotografía as nosas mulleres rurais, as do noso concello polo que volve a convocar o o concurso Muller Rural da Pastoriza.

Tal e como destacou a concelleira de área, Elva Carrera, “este ano 2020 é un ano diferente polas circunstancias socio-sanitarias derivadas da covid-19. Aínda así, nestes tempos, o espazo rural amosouse como un recuncho, onde ex maior calma para vivir. Temos dificultades propias do illamento, distancias, falta de dotación de máis e mellores servizos; pero tamén temos ao tempo, unha parte de potencialidade derivada da mesma eiva”.

“As mulleres seguen xogando na sociedade rural un eixo fundamental para a vida rural, e como sabemos, un papel moitas veces invisible… Pero reivindicamos que non existe unha única forma de ser muller rural, existe unha diversidade na forma de selo, labregas, gandeiras, emprendedoras, coidadoras, economistas, veterinarias, mestras, de diversos oficios e/ou profesión, pero cun fío condutor: botar raíces, facer vida nunha contorna rural e coma todas, enfrontar o día a día con dificultades”, engade.

No concurso poe enviar calquera persoa sen importar o seu lugar de orixe e a temática consiste en imaxes de mulleres rurais do Concello no seu lugar de traballo, labores diarias, de temática libre. Como o ano pasado, a fotografía enviarase a través do perfil de Facebook ou enviando ao enderezo electrónico creado para a ocasión: concursofotografiapastoriza@gmail.com; colocándolle un título para a fotografía e poñendo a parroquia de orixe da fotografía onde foi feita.

As fotografías poden enviarse ata o 10 de outubro e o día 11 publicaranse e poderán votarse dándolle a “me gusta” ata o día 15. O sábado 17 realizarán unha proxección para a celebración do Día Internacional da Muller Rural e entregarase un premio para a fotografía gañadora.