Skip to main content
ActualidadeXermade

O PP de Xermade alerta da falta de recollida dos contedores amarelos

Por 4 Outubro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Xermade critica que “non se está a retirar o lixo dos contedores amarelos dende fai máis dun mes, precisamente o ano no que o goberno local incrementou a taxa municipal polo servizo de recollida do lixo”.

Os populares indican que “é moi visible a acumulación de residuos nos contedores de envases de plásticas, latas e briks situados nos núcleos de Xermade e Roupar” o que evidencia “que fai tempo que non se realiza a recollida periódica destes residuos”. Así mesmo, engaden que “incluso os residuos destes contedores acaban no contedor verde ou se dispersan polo entorno por mor da chuvia e do vento ofrecendo unha mala imaxe da zona”.

O voceiro do PP local, Antonio Riveira, explica que “ante a falta de recollida do contido dos contedores amarelos, é lóxico que os veciños e veciñas entendan que é unha perda de tempo separar os residuos nas vivendas porque, ao final, van igualmente para o contedor verde”. Desta forma, “o goberno local non está a promover a correcta xestión do lixo nin fomentando a recollida selectiva de cara á súa reciclaxe”.

Preguntas ao goberno local
O Grupo Municipal Popular formula, neste sentido, varias preguntas ao goberno local en relación á recollida selectiva do lixo en Xermade para coñecer se é coñecedor de que fai tempo que non se está retirando a fracción dos contedores de envases de plástico, latas e briks.

Os populares preguntan, así mesmo, cal é a razón polo que non se está facer esta recollida e se o Concello de Xermade vai prescindir deste servizo de recollida selectiva dos residuos dos fogares.