Skip to main content
Actualidade

A Casa Museo de Manuel María festexa o aniversario do escritor

Por 9 Outubro, 2020Sin comentarios

Na semana que se celebra o nacemento de Manuel María, o pasado 6 de outubro cumpríronse 91 anos, a Casa-Museo Manuel María presenta este sábado, ás 18 hrs, e dentro do seu anual encontro cos amigos e amigas da Fundación Manuel María, unha nova edición, a terceira, de Remol, poemario que este ano, o pasado 25 de xullo, fixo 50 anos da súa publicación por Edicións Nós en Bos Aires.

O acto contará coa presenza da escritora, cineasta, catedrática de Comunicación Audiovisual, Margarita Ledo Andión, amiga persoal de Manuel María, e que escribiu o prefacio deste libro de corenta e tres poemas distribuídos en cinco partes: manifesto, poemas líricos e intimistas, poemas biográficos, poemas de denuncia e compromiso, e poemas de homenaxe solidariedade coas persoas que se significaron na defensa dos pobos asoballados polo imperialismo.

Após a presentación, ás 19 hrs, a contadora de historias, Soledad Felloza, porá en cena un espectáculo de narración oral baseado en distintos textos da obra narrativa de Manuel María.

A entrada para estas actividades é de entrada libre mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da covid-19 o número de prazas para presenciar o espectáculo é reducido.