Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Na lembranza do amigo Manuel Domínguez Rial

Por 13 Outubro, 2020Xaneiro 4th, 2021Sin comentarios

Por Raúl Río

O día 11 do xullo pasado fixo un ano do falecemento en Santiago do vello amigo, Manuel Domínguez Rial, un loitador que levaba Galiza no corazón, pero sendo moi novo tivo que emigrar da súa querida terra. Primeiro en Bilbao, onde colleu conciencia social e política, e sete anos mais tarde, coa súa inseparable compañeira Lola, fóronse para Suíza, á que chegaron sen papeis e na que el pasou 23 anos traballando de mecánico e a súa compañeira de cociñeira.

Coñecino e empecei a tratalo aló polos anos 1977 ou 1978, cando aínda se atopaba na Suíza. Foi en Santiago, nas xuntanzas da emigración polos Días da Patria, aproveitando as vacacións do verán que pasabamos na Galiza. Mais tarde, ao regresar definitivamente á terra, viña con asiduidade polos Vilares de Díaz Castro a visitar a un irmán da súa compañeira, que estaba casado con unha veciña desa parroquia dos trapeiros. Viña polas festas do San Vicente e da Pascua, pero tamén noutras ocasións. Si vía que me atopaba en Galiza, paraba na miña casa para facerme unha visita e falabamos un pouco dos problemas políticos e sociais que nos traían os tempos, dos avances e retrocesos; deses pasos adiante e outros atrás que dicía o poeta vilarego.

Cando estaba na Suíza o seu corazón e o seu pensamento estaban na Galiza. Cría nas potencialidades da nosa patria e dicía que non eran menos que as dun cantón suízo, afirmando que a riqueza que temos nas rías non a vira en ningures. Ao virse definitivamente contoume que tiña pensado facer unha piscifactoría para criar rodaballos, pero daquela dirixía a Xunta o “Gran Timonel”, que non estaba pola labor de deixarlle facer ese tipo de negocios si non era a unha multinacional na que logo puideran entrar os seus amigos pola porta xiratoria no consello de administración.

A mediados dos anos 90, establécese en Santiago e, despois de patear toda Galiza para buscar apoios, funda a Asociación de Emigrantes Retornados “Marusía” da que foi Presidente desde a súa fundación ata o seu falecemento. Xunto coa asociación, fundou tamén unha revista que levaba o mesmo nome, da que el era tamén coordinador, e que sempre me pasaba unhas cantas  cando viña polos Vilares, para que repartira entre os emigrantes de Euskal Herria.

Tanto a Asociación como a revista creáronse co fin de procurar un lugar de encontro entre ese colectivo e loitar polos seus dereitos. Unha desas loitas que levaron a cabo foi oporse a decisión do goberno español de cobrarlles retroactivamente aos emigrantes polas pensións que recibían dos países aos que tiveron que emigrar. Entendía que non había porque declarar as pensións do estranxeiro e non podía permitir que Montoro fixera caixa con eles mentres aplicaba a amnistía fiscal e o diñeiro da corrupción seguía agachado en Xenebra. “Eles que non puxeron nada que non fora obrigarnos a marchar, debido as súas políticas económicas antigalegas, aínda querían sacar tallada”, dicía.

Outra mobilización importante, que por iniciativa del levou a cabo esta Asociación, foi polos dereitos sanitarios plenos, ao ver como a fibriomialxia, recoñecida como enfermidade na Suíza, non se consideraba como tal no Estado Español, pero, ademais diso, seguiu a traballar dentro do nacionalismo, presentándose de candidato a concelleiro do Axuntamento Santiago nas municipais do 2015 e, xa enfermo, aínda participou na campaña das municipais e europeas do 26 de maio do ano pasado.

As súas actividades abranguían todo tipo de asociacionismo e non deixou de lado o sindicalismo, axudando á CIG en calquera loita que se dera; nin a actividade cultural, colaborando incansablemente coa asociación cultural O Galo e coa Mesa pola Normalización Lingüística, sendo o primeiro corredor dun vídeo feito por esta organización.

Fóisenos un home que amaba a súa patria, pero deixou tamén miles e miles de amigos entre os que tivemos a sorte de tratalo e coñecelo. Un home que loitou toda a súa vida polas causas mais xustas e mais nobres. Un dos imprescindibles, que dixo Bertolt Brecht na súa famosa poesía, un home que deixou un oco moi difícil de encher con outra persoa.

Aínda así, seguiremos coa súa loita, porque é a mellor homenaxe que lle podemos facer e eu sempre me lembrarei del en cada batalla.