Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O centro de saúde de Parga seguirá sen data para volver abrir

Por 16 Outubro, 2020Sin comentarios

O Parlamento Galego debatiu onte unha iniciativa do BNG na que reclamaba de novo respostas á situación do centro de saúde de Parga, que pechou durante a pandemia e que ao finalizar a desescalada non recuperou a atención médica no centro deixando un uso só dos días á semana para extraccións de sangue.
Na súa intervención, a xerencia do Sergas indicou que “a día de hoxe non está contemplado o peche definitivo do consultorio de Parga” pero tampouco deu unha data para a reapertura “nin das condicións que se teñen que dar para que abra algún día”.
O BNG tamén fixo referencia aos problemas para cubrir todas as prazas de facultativos no centro de Guitiriz que no Sergas aseguran que ten que ver “coa falta de médicos, que é o que impide dotar de todas as prazas ao centro de Guitiriz polo que o feito de estar desprazados alí os médicos de Parga, asegura un mellor servizo en Guitiriz”.
Tras estas contestación, os membros do BNG concluíron que “non son capaces de cubrir as prazas, e seméllanos que tampouco teñen gran interese, polo que Parga non abrirá mentres falten facultativos en Guitiriz e, tendo en conta que en decembro se xubila un deles, Parga non vai a abrir”.

Os veciños e responsables políticos do Concello concentráronse en diferentes ocasións ante os centros de saúde de Parga e Guitiriz e ante o propio Hula para reclamar a apertura do centro de forma inmediata, xa que cando tivo lugar o peche houbo un compromiso de reabrilo cando a situación se normalizara.