Bonos consumo Vilalba

Arrinca a campaña Reactiva Vilalba para impulsar o comercio

O Concello de Vilalba presentou esta tarde a campaña #ReActivaVilalba, unha iniciativa do grupo de goberno para inxectar máis de 420.000 euros no comercio local mediante o reparto de bonos de compra de 30 euros entre os veciños e veciñas.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e os concelleiros Marta Rouco e Luis Fernández explicaron en rolda de prensa o funcionamento e os prazos da campaña, tanto para a solicitude dos bonos por parte da veciñanza como para a adhesión das empresas locais.

“Dentro das competencias municipais, temos que facer todo o posible para reactivar a economía local con políticas de dinamización como a que presentamos hoxe, que fomenta o desenvolvemento económico e social da nosa localidade nunha dobre liña, polo lado do comercio e polo dos consumidores”, asegurou a alcaldesa de Vilalba.

Cos bonos de compra, o concello incentiva o consumo das vilalbesas e vilalbeses nos establecementos de todos os sectores económicos, axudando a un tecido empresarial clave no municipio e moi perxudicado pola pandemia do coronavirus.

As empresas interesadas en adherirse á campaña deben ter a consideración de microempresas, pemes, autónomos ou empresarios individuais, comunidades de bens ou sociedades civís. Teñen que ter un establecemento comercial en Vilalba ou o seu domicilio fiscal (no caso de desenvolvemento dunha actividade profesional). Poden inscribirse nos dous periodos establecidos polo concello, un ata o 30 de outubro e un segundo do 31 de outubro ao 10 de novembro.

Polo que respecta aos consumidores, deben estar empadroados en Vilalba desde hai un ano como minimo e ser maiores de idade. Poden solicitar os seus bonos de forma presencial ou telemática entre o 2 de novembro ao 8 de decembro. Todos os detalles e as bases da campaña están a disposición das empresas e da veciñanza na web www.bonosconsumovilalba.com

Esta iniciativa súmase a ‘Compite Vilalba’, posta en marcha antes do verán polo concello. Foi un programa de formación e asesoramento individualizado dirixido ao comercio local e á hostalería que contou con máis de 80 participantes, e que tiña como obxectivo dinamizar o sector e mellorar a súa competitividade.

Etiquetas