As traballadoras do SAF da Pastoriza acusan á empresa de incumprir o convenio

A CIG fixo público un comunicado no que acusa á empresa concesionaria do SAF na Pastoriza, Servital, de incumprimentos coa plantilla. De feito, indicou que os traballadores solicitaron unha reunión cos respondables do servizo no Concello para expoñer “os problemas aos que se ven sometidas no seu día día na prestación dos seus servizos”.

“Se xa o seu convenio colectivo, sen actualizar dende o 2012, é un convenio discreto no económico, que dá todas as facilidades para a flexibilidade e que polo tanto xa en sí é un convenio precario, pois a empresa, non contenta con iso, manexa os contratos das traballadoras unilateralmente ao seu antollo de tal xeito que unha traballadora nunca sabe a ciencia certa o que vai cobrar cada mes nin canto tempo está contratada nin canto cotizan cada mes por ela. Se isto xa é un problema habitual para as traballadoras a tempo parcial, as que teñen asinado un contrato a tempo completo tampouco son alleas a esta situación pois tamén a elas lles cambia cada mes o salario, moitas veces mesmo cando non variou o servizo nin as casas ás que tiveron que acudir. Nunca sabes o que vas cobrar, a empresa ponnos ou quítanos horas do contrato sen haber cambio algun no servizo, é unha incertidume total”, explican.

Segundo engaden outro tanto do mesmo ocorre co plus de desprazamento “que varía aínda sen varíar as casas nin o percorrido. E a unhas cóntalles dende a súa casa, a outras dende o Concello… é un caos total”.

En canto á protección ante a covid-19, as traballadoras denuncian que o material que se lles facilita é insuficiente. “Despois de moito pedir conseguimos que nos deran unha máscara quirúrxica para cada día, antes dábannos 2 KN95 ao mes… Aínda con esta mellora non é suficiente pois a quirúrxica débese cambiar cada 4 horas polo que para as persoas a xornada completa aínda é a metade do que sería preciso”.

Afirman que tampouco reciben batas desbotables polo que “coa roupa que manipulamos a unha persoa imos facer o servizo á seguinte, o que nun sector de poboación que pola idade é un claro grupo de risco non parece a práctica máis aconsellable”.

En todo caso non descartan, se non hai cambios, convocar outro tipo de medidas e mobilizacións.

Etiquetas