Bonos consumo Vilalba

Endesa contesta ao bloqueo dos transportistas suspendendo as probas con biocombustibles

Un ano e un mes despois de que Endesa anunciase o peche da central térmica das Pontes, as protestas regresaron o xoves ao municipio. A decisión de retirar algúns equipos da central motivou que un dos colectivos máis afectados polo parón da planta, o dos transportistas, decidise bloquear os accesos á térmica cos seus camións. A resposta da compañía foi contundente, xa que decidiu paralizar de forma indefinida as probas con biocombustibles. A térmica levaba meses tentando substituír o carbón por produtos como os lodos de depuradora ou xurros para cancelar a solicitude de peche.

Os transportistas foron os primeiros en dar a voz de alarma ante os problemas que se aveciñaban na central o ano pasado. Antes de comunicar a decisión de pechar a central, Endesa xa paralizara a queima de carbón ante os elevados prezos que tiña que pagar por emitir CO2. O colectivo está formado polos condutores duns 150 camións que nos últimos anos transportaban o contaminante combustible desde o porto de Ferrol ata a localidade das Pontes.

Transportistas de Endesa nas Pontes manteñen bloqueados desde as 08:00 horas do pasado xoves os accesos á térmica, onde comezou o traslado de material descartado tras a solicitude de peche do recinto. Os traballadores cortaron as dúas entradas ao complexo sen que se rexistrasen incidencias e pediu que as partes implicadas no futuro da planta “cumpran coa palabra dada”.

Os traballadores alegan que Endesa decidiron bloquear o acceso e saída da central cos seus camións alegando que tiñan  compromiso de hai catro meses de que Endesa non movería material ata que se soubesen os resultados das probas con biocombustibles, alternativos ao carbón. Do mesmo xeito, reclaman das administracións que busquen solucións “en lugar de promesas e máis promesas”.

Pola súa banda, en Endesa confirmaron que estaban a realizar unha operación de carga e traslado en camións de dúas bombas de recirculación de lechada. Segundo indicaban estes equipos ían a outra central que si os necesita; xa que correspondían a unha obra que se parou cando se anunciou o peche.

Ante o bloqueo da central que impide a retirada de equipos, Endesa lanzou un ultimato. Segundo fontes do persoal, a eléctrica pediu a retirada dos camións ao longo deste venres ameazando con suspender as probas con biocombustibles. Pero os vehículos non se moveron e fontes de Endesa anunciaron a paralización das probas. Ademais tamén decidiron cancelar a reunión coas empresas auxiliares (contratistas), prevista para o vindeiro martes, na que se ía a tentar clarificar o futuro do seu persoal.

A firma asegura que non pode “admitir” o “bloqueo da súa central por quen expón unhas reclamacións que non está na súa man atender”.

Etiquetas