Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

A Deputación concederá achegas aos obradoiros artesáns

Por 25 Outubro, 2020Sin comentarios

A área de Artesanía e Deseño da Deptuación vén de aprobar unha liña de axudas directas para obradoiros de artesanía, cun importe total de 79.500 euros. Concederanse achegas de 1.500 euros aos titulares de obradoiros ubicados na provincia de Lugo, que conten con Carta de Artesán e teñan o seu obradoiro incluído no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia alo menos desde o pasado 1 de xaneiro. As bases da convocatoria aprobáronse este venres na Xunta de Goberno e publicaranse a vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “se trata dunha liña de axudas extraordinaria, coa que se pretende contribuír a amortiguar o impacto da crise sanitaria sobre o sector da artesanía, moi prexudicado pola suspensión de feiras, mercados e outros eventos culturais nos que habitualmente comercializan os seus produtos” “Esta situación está a deixar a moitos obradoiros nunha situación moi complicada economicamente, que compromete a súa continuidade e con ela a de moitos oficios e técnicas artesás”, valorou.

As axudas canalizan parte dos fondos orzamentados polo Centro de Artesanía e Deseño para actividades formativas e proxectos expositivos que non se puideron realizar durante a paralización da actividade polo decreto de alarma. A tramitación da convocatoria foi un proceso longo porque “son as primeiras axudas directas á actividade económica que se outorgan desde a Deputación de Lugo”.

Apoio ao sector artesán

Tras a crise sanitaria, a área de Artesanía e Deseño centrou os seus esforzos en apoiar a actividade e a viabilidade dos talleres de artesáns da provincia, atendendo as demandas formuladas polo sector. A comezos de outubro, o Centrad organizou o Artesanfroilán, unha cita consolidada que este ano tivo que adaptarse á situación sanitaria e na que algúns artesáns da provincia tiveron a súa primeira oportunidade para volver vender os seus produtos trala paralización da actividade o pasado mes de marzo.