Oito agrupacións de defensa de sanidade gandeira da comarca reciben unha achega

A Consellería do Medio Rural aprobou axudas por valor de 1.062.399 euros destinadas a 28 Agrupaciacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) da provincia de Lugo para o período 2020-2021.

Con estas achegas finánciase a contratación de persoal veterinario encargado da supervisión e execución do programa sanitario de prevención e control de enfermidades dos animais. Tamén se sufragan gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas.

Os programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2020 e o 28 de febreiro de 2021. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro de 2019.

Na especie de bovino, benefícianse das achegas 26 agrupacións da provincia, 8 da área de Vilalba -A Lagoa, Miño-Eo, Galicia Centro, Vilam, Gandeiros de Pol, Castro de Rei, A Pastoriza e Trimaz-; 11 delas da área de Lugo -Aira SCG, Sarria, Terras da Ulloa-Pallares, Río Neira, Río Narla, Bubela, Castelo Verde, O Páramo, Gandeiros do Corgo, Paradela e Santa Isabel -; catro da área de Becerreá -Montaña Lucense, Suarna, Becerreá e Fonsega- ; dúas da área de Monforte de Lemos – Vacasán e Lemos SCG- e unha da área de Mondoñedo -A Mariña-.

En canto ao sector porcino, aprobáronse achegas para as agrupacións Porcino Lugo Centro Norte e Porcino Lugo Sur. A resolución completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Etiquetas