Bonos consumo Vilalba

Mofa & Befa actuará este sábado na casa museo de Manuel María

Mofa & Befa actuará este sábado na casa museo de Manuel MaríaEste sábado, día 31 de outubro, o auditorio da Casa-Museo Manuel María acolle, ás 19 hrs, Mofa & Befa, que levará a cabo un espectáculo antolóxico titulado Dúas pedras no Camiño.

O dúo teatral de longa e existosa traxectoria, conformada por Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo, representará pezas que se manteñen na memoria do público, comezando por “Os 33 reiseñores da Porqueira”, que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números máis sutís e celebrados do dueto. Após este virán números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema ou escritores inmorredoiros.

O título da función, Dúas pedras no Camiño, para a que xa non quedan reservas, xoga coas alusións á música popular e a súa filosofía, que lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, aínda que tamén lembra a función dos cómicos de seren unha pedra no zapato…

Mofa & Befa son dous clowns para adultos que foron creados por Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo á volta do ano 92 do século pasado. O talento da composición cómica, a vinculación co real, a confidencia co público e as dotes adxectivas, como o canto e a pantomima, que posúen os dous artistas fixeron deles unha referencia da comedia e do que se dá en chamar o cabaret literario.

A Casa-Museo Manuel María proxectará por primeira vez unha actividade por streaming

A función de Dúas pedras no Camiño que Mofa & Befa representará este sábado en Outeiro de Rei será proxectada por streaming. Esta actividade será a primeira das actividades culturais en que a Casa-Museo Manuel María emprega esta ferramenta on line para conectarse co público que frecuenta a programación cultural que este equipamento programa todos os sábados e que polas medidas preventivas para evitar a xeración de risco de propagación da Covid-19 veu reducido o seu aforo.

Etiquetas