Suspenden por segunda vez este ano o Parga Rock

O Parga Rock, que foi convocado en segunda convocatoria para o día 31 de outubro, non se celebrará finalmente debido, como explica a organización, á situación sanitaria e a non ter axudas.

“Por mor do Covid-19 e ante as novas circunstancias que nos envolven dende este pasado domingo, vémonos na tesitura de seguir adiante con esto sen axudas públicas ou polo contrario cancelar a celebración do Parga Rock ata tempos mellores. Somos un festival pequeno e sen medios propios, podemos superar case que calquer golpe con ilusión pero desta vez a bofetada deu con nós no chan e decidimos non seguir adiante”, explican.

Tras anunciar o programa do Parga Rock durante o verán, os organizadores comunicaron que aprazaban esta edición debido ao incremento de casos de coronavirus que se estaban a dar na zona e tamén pola dificultade que supón en eventos así manter as distancias de seguridade. O Parga Rock estaba previsto para o 5 de setembro e contaba coa participación de é Dark Embrace, Raze, Nuada, Gran Reserva e os Rastreros.

Posteriormente anunciaron unha nova data, o día 31 de outubro, no que ademais estaba previsto a presencia de Nuada e Reincidentes. Para o domingo 1 de novembro estaba prevista unha proxección sobre os XXV anos do rock Bravú e unha foliada cara o mediodía.

A organización lembra que os que mercaron as entradas poderán recoller os cartos onde as compraron e os que non teñan esa posibilidade poderán poñerse en contacto coa organización.

Etiquetas