Bonos consumo Vilalba

O PP de Xermade acusa ao alcalde de consentir o estrago das pistas

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Xermade, Antonio Riveira, acusa ao alcalde e ao goberno local de deixar estragar os camiños e pistas públicas coa saca de madeira. Así o manifesta ante os danos causados polos traballos de extracción de madeira nos montes da Torre, en Roupar, que se están levando a cabo estes días e que dificultan o uso das vías públicas aos veciños da zona.

Riveira sinala que a ordenanza municipal reguladora do uso do dominio público local polas actividades extractivas de madeira nos montes e espazos forestais do Concello de Xermade recolle a obriga das empresas de comunicar ao Concello a extracción e depositar unha fianza para facer fronte aos danos e prexuízos causados pola corta, depósito e transporte da madeira.

É por iso polo que os populares queren coñecer se as empresas comunicaron previamente a tala e retirada da madeira, se fixeron depósito da fianza na forma regulamentaria e se o goberno local lles vai esixir que se manteña o estado transitable dos camiños e que, unha vez rematados os traballos, corrixan os danos causados.

Neste sentido, esixen o cumprimento da ordenanza municipal co obxectivo de “minimizar os danos da extracción de madeira causando as imprescindibles molestias aos veciños durante os traballos e repoñendo ao seu estado inicial os camiños afectados”.

Co obxectivo de “defender os dereitos dos nosos veciños”, o voceiro do PP sinala que “dende o Grupo Municipal Popular vémonos obrigados a esixir explicacións”. E engade, así mesmo, que “o habitual é que o alcalde non revise o estado no que quedan os camiños públicos despois de rematar os traballos de saca da madeira”.

Etiquetas