Guitiriz delega na Aplu o control urbanístico do seu territorio

Guitiriz delega na Aplu o control urbanístico do seu territorioAxencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) será o encargado de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido no Concello de Guitiriz.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Guitiriz, Sol Morandeira , asinaron o convenio en virtude do cal Guitiriz se suma ao listado de concellos que delegan na APLU parte das súas competencias; xunto cos concellos de Ames e O Rosal -que tamén asinaron esta mañá o convenio de colaboración- polo que xa son 89 as administracións locais galegas que están adheridas á Aplu.

Tras a sinatura, Vázquez Mejuto explicou que, en virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: en solo rústico ou non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Pola súa parte, a Aplu comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña.

Neste sentido, a conselleira felicitou á alcaldesa pola decisión xa que, lembrou, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co único fin de garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

O obxectivo da Xunta é seguir incorporando máis concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos que xa están adheridos porque os resultados, como salientou Vázquez Mejuto, amosan que a actuación conxunta entre a Aplu e os concellos é sinónimo de éxito.

A modo de exemplo, cómpre lembrar que en 2019 baixou o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación, e un exercicio máis o número de execucións subsidiarias –é dicir, as realizadas polos propios particulares-, foi dun 95%.

Etiquetas