Crean a Indicación Xeográfica Protexida do Pan Galego

Crean a Indicación Xeográfica Protexida do Pan GalegoA Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a xornada de presentación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego, un novo selo que distinguirá a calidade das panaderías tradicionais galegas.

O delegado territorial, Javier Arias, asistiu ao acto no que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) -dependente da Consellería do Medio Rural- explicou a regulación, detallando aspectos como os requisitos e os pasos necesarios para acadar a certificación. O obxectivo é promover a adhesión de produtores de trigo, muíños e panaderías, unha vez quedou constituído o consello regulador da nova IXP.

Na xornada participaron, entre outros, a directora da Cátedra do pan e do cereal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángeles Romero, e Guadalupe Gómez, presidenta do Consello Regulador do Pan Galego e representante, xunto con César Manuel Fieiras -que tamén interveu- da Federación Galega de Panaderías (Fegapan), a entidade que promoveu a constitución da IXP.

A Xunta colaborou dende o primeiro momento neste proxecto que reportará valor engadido a este produto artesanal e pode incentivar o cultivo de trigo, incidindo na mellora das rendas dos agricultores.

Características

O selo de calidade ampara ao pan tradicional elaborado de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos. A súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

Así mesmo, a normativa desta IXP establece os diferentes formatos tradicionais que se admiten, como o bolo ou fogaza, a rosca, a bola ou torta e a barra, así como os rangos de pesos que poden ter as pezas. A maiores define as características da codia e da miga, así como o aroma e o sabor do produto. Outra das características desta IXP é a súa presentación en envases individuais que incluirán o seu logotipo.

Etiquetas