Bonos consumo Vilalba

Abre o prazo para solicitar os bonos da campaña Reactiva Vilalba

O Concello de Vilalba informa á veciñanza da apertura do prazo de solicitude dos bonos de consumo da campaña #ReActivaVilalba, tendo recibidas ao longo desta mañá máis de 500 solicitudes.

Co obxectivo de paliar as consecuencias económicas da crise da COVID-19, o Concello inxectará máis de 420.000 euros ao comercio local a través de bonos de 30 euros que a veciñanza pode solicitar dende hoxe, 2 de novembro.

Calquera persoa empadroada no Concello de Vilalba pode solicitar os bonos, non é necesario ter ningún tipo de antigüidade. No caso de menores ou de persoas con discapacidade, será a nai, o pai, o titor/a ou representante legal quen o faga no seu nome. Son 30 euros para cada persoa (se nun domicilio viven cinco persoas empadroadas, correspóndenlles 150 euros en total).

O procedemento de solicitude será preferiblemente telemático a través da web www.bonosconsumovilalba.com. Unha vez o concello comprobe os datos achegados pola persoa solicitante tras cubrir o formulario, emitirase un bono cun código QR que se enviará a través do correo electrónico. Dado o número elevado de solicitudes neste primeiro día, iranse emitindo os bonos a medida que se vaian comprobando.

De non ser posible solicitar o bono telematicamente, os e as participantes poderán inscribirse na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00h.

Para comprar cos bonos de consumo, deberase presentar o bono nos establecementos adheridos á campaña, dispoñibles na páxina web do programa. Os bonos deberán trocarse nunha única compra, nunha soa tenda e poidendo facer compras superiores a 30 euros, sempre que se pague a diferenza. Non se poderán trocar por compra de tabaco, bebidas alcohólicas ou xogos de apostas.

O prazo de solicitude dos bonos estará aberto dende hoxe e ata o 30 de novembro e as compras poden facerse ata o 8 de decembro.
Ademais, o concello lembra que o prazo de inscrición para os comercios e autónomos continúa aberto ata o 10 de novembro. Para poder adherirse á iniciativa, deben ser microempresas, PEME, autónomos ou empresarios individuais, comunidades de bens ou sociedades civís, que desenvolvan a súa actividade no Concello de Vilalba.

“Con esta iniciativa pretendemos reactivar o comercio local, un sector prexudicado pola actual crise, axudando tamén ao consumo da veciñanza”, explica Marta Rouco, concelleira de Comercio.

Esta campaña súmase a outras anteriores do goberno local para paliar os efectos da crise sanitaria, como ‘Compite Vilalba’, un programa de formación e asesoramento individualizado dirixido ao comercio local e á hostalería.

Etiquetas