Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A Xunta mantén o peche perimetral das cidades galegas

Por 4 Novembro, 2020Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Xunta mantén o peche perimetral das cidades galegasA Xunta manterá o peche perimetral das cidades galegas, é dicir, as medidas adoptadas o pasado venres, antes da festividade de Todos os Santos, o confinamento das súas cidades e algúns dos municipios contiguos, así como a limitación de reunións unicamente a persoas que vivan baixo o mesmo teito ditada para varias localidades.

Esta decisión tomouse na noite de onte por parte do comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia. Aseguran os expertos que os datos son aínda moi negativos para relaxar a vixilancia ante a expansión do virus.

O vindeiro venres volverá xuntarse o subcomité clínico para valorar novas medidas, unha vez que se vexa a tendencia das cifras, que aínda que melloraron nas últimas xornadas están lonxe de estabilizarse.

As limitacións de entrada e saída seguen polo tanto para Santiago, Ames e Teo; para Ferrol, Narón, Fene e Neda; para A Coruña e Arteixo; para Pontevedra, Poio e Marín; e nos municipios de Vigo e de Lugo, así como para Vimianzo, á parte dos que xa estaban na zona de Ourense, O Carballiño e Verín.

En todo caso, as restricións aplícanse de maneira envolvente, para o grupo de concellos, polo que se permiten os desprazamentos entre os municipios limítrofes con peche perimetral.

Así as cousas, o 45,38 por cento da poboación galega seguirá tendo a súa mobilidade restrinxida, en concreto en 23 municipios das catro provincias. No municipio de Lugo, as restriccións afectan a 98.276 veciños.

EXCEPCIÓNS

En todas estas localidades están restrinxidos os desprazamentos que non sexan “adecuadamente xustificados” e só por motivos como asistencia a centros sanitarios, obrigacións laborais, asistencia a centros educativos, retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar, así como as viaxes por coidado de maiores, menores ou dependentes.

Tamén se permiten os desprazamentos a entidades financeiras ou de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes, ou a realización de exames ou probas oficiais inaprazables, entre outros motivos.

(NOTICIA EN AMPLIACIÓN)