Skip to main content
ActualidadeFriolSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Asoporcel recibe unha achega da Deputación

Por 4 Novembro, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto co Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, asinou este martes un convenio de colaboración por importe de 80.000€ co presidente da Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel), José Barreira Alonso, que acudiu acompañado polo director técnico do colectivo, Iván Rodríguez. O acordo ten como obxectivo impulsar un plan de fomento da produtividade, competitividade e rendibilidade das granxas de porco celta.

Tomé Roca explica que este proxecto de Asoporcel impulsado pola Deputación contempla partidas para o 2020 e 2021 e ten como obxectivo facilitar aos gandeiros e gandeiras as ferramentas necesarias para que as súas granxas acaden a máxima rendibilidade e que a produción teña a mellor saída comercial.

“Estamos a falar dun conxunto de ferramentas, como o asesoramento e formación dos gandeiros e gandeiras, o control da xestión dos aspectos sanitarios de produción, o control das medidas de bioseguridade, o mantemento das instalación, o control da trazabilidade da produción e tamén aspectos comerciais e publicitarios”, subliña o presidente.

A finalidade do convenio é profesionalizar o sector, asentar as ganderías existentes e atraer á xente nova para iniciar unha actividade gandeira que resulte atractiva como xeito de vida. Tomé Roca engade que “con este convenio tamén se contribúe a incrementar os servizos de Asoporcel na súa función de dinamizador da raza porcina galega, conservando moitos postos de traballo existentes na actualidade relacionados directa e indirectamente co porco celta”.

O presidente recalcou que esta “importante colaboración responde ao noso apoio ao sector primario como base e motor da economía da provincia, traballando da man do propio sector produtivo e tamén da Universidade. Un sector primario forte, diversificado, innovador e con valor engadido crea emprego sostible e contribúe a fixar poboación no rural da nosa provincia”.

ASOPORCEL

Asoporcel é a primeira e única asociación que agrupa aos produtores de raza porco celta en Galicia. É unha figura clave no sector, dedicando todo o seu esforzo á realización de actividades de promoción, formación, profesionalización e especialización do sector gandeiro galego, co obxectivo de lograr un sector competitivo e sostible, contribuíndo así á mellora do nivel e da calidade de vida dos gandeiros e das súas producións.

Na actualidade, a asociación conta con 136 granxas colaboradoras, distribuídas por toda a xeografía galega, pero con case o 50% asentadas na provincia de Lugo.