O Concello de Vilalba reparte as subvencións nominativas
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, xa ten asinados a maior parte dos convenios das subvencións nominativas para as entidades e asociacións de diferentes eidos que desenvolven o seu traballo no municipio.
O concello destinará 375.000 euros a apoiar as actividades de entidades sociais, asistenciais, culturas ou deportivas. Os convenios pendentes asinaranse nos próximos días.
Entre os beneficiarios, está o Hospital Asilo, que traballa con persoas con enfermidades neurodexenerativas; Protección Civil de Vilalba; Peludiños (atención a animais abandoados); clubes deportivos e asociacións culturais.
“Son entidades que realizan unha gran tarefa, moitas veces invisible, e desde o concello temos que impulsar o noso tecido asociativo, máis necesario que nunca nunha situación como a actual”, sostén a alcaldesa de Vilalba.
Entre os beneficiarios hai tamén asociacións veciñais e de pais e nais, a Fundación Vilalba Terra Cha (traballa con persoas con discapacidade intelectual), ou Afalu, que desenvolve actividades para persoas con alzheimer.
Ademais das subvencións nominativas, o mes pasado o concello sacou tamén a convocatoria das axudas de libre concorrencia, ás que poden acceder tamén as asociacións sen ánimo de lucro con actividade en Vilalba.
Consulta a listaxe neste enlace