Bonos consumo Vilalba

Convocadas as axudas ao sector do vacún de carne

A Xunta vén de convocar axudas directas para o sector gandeiro de vacún de carne, dotadas cun orzamento de 9 millóns de euros. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembrou que está aberto o prazo de presentación de solicitudes ao longo de todo este mes, ata o día 30 de novembro incluído.

Estas achegas teñen especial incidencia para a provincia de Lugo, que acolle o maior número de explotacións deste tipo en Galicia, con 3.146 granxas rexistradas que suman máis de 38.300 vacas nutrices. Estas axudas teñen carácter excepcional, por ser este un dos sectores agrarios máis desfavorecidos pola incidencia da crise da Covid-19. Trátase de subvencións que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Así, as circunstancias derivadas da emerxencia sanitaria provocaron amplas restricións de movementos dos produtos agroalimentarios, así como o peche obrigatorio de establecementos comerciais, mercados, restaurantes ou establecementos hoteleiros, ocasionando unha interrupción económica que provocou importantes problemas de liquidez e fluxo de caixa para os produtores.

As axudas consistirán nun pagamento a tanto alzado, pero o importe máximo non poderá superar os 7.000 euros por produtor e os 50.000 euros por peme. En concreto, a contía individualizada calcularase en función do número de vacas nutrices presentes na explotación, oscilando desde os 900 aos 7.000 euros.

Garantir a continuidade

O delegado territorial sinalou que a mesma convocatoria recolle tamén un montante de 3 millóns de euros en axudas para os produtores de flor cortada e da planta ornamental. A Consellería do Medio Rural seleccionou este sector xunto ao de vacún de gando por consenso cos integrantes do Consello Agrario, no que están representadas as organizacións profesionais agrarias, aos que o pasado 16 de xuño se lles pediu colaboración para determinar aqueles eidos máis afectados. Tivéronse en conta criterios obxectivos sobre perdas constatables que poden supoñer un risco para a súa continuidade empresarial.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Etiquetas