Guitiriz recibe unha Flor de Honra polas súas zonas verdes

Guitiriz recibe unha Flor de Honra polas súas zonas verdesO Concello de Guitiriz recibiu onte unha Flor de Honra dentro do programa Vilas en Flor. Na reunión virtual celebrada onte para dar a coñecer o fallo do xurado, o Concello acadou esta distinción en recoñecemento aos seus plans de mantemento das súas zonas verdes.

A iniciativa quere recoñecer a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

En concreto recoñécense as actuacións ambientais, labores de axardinamento, ornamentación floral, dotación de mobiliario urbano e creación de espazos lúdicos, encamiñadas a lograr a mellora estética e funcional do territorio.

Recoñeceuse o marcado carácter rural de Guitiriz, con espazos naturais vinculados á Rede Natura e cun elevado potencial para o goce da natureza. Destacouse tamén os catro roteiros de sendeirismo, coa súa brigada propia para a súa conservación e o persoal para o mantemento doutros espazos verdes da vila e a súa periferia.

O certame está organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), coa participación do Instituto de Estudos do Territorio, e o patrocinio de Husqvarna e Rainbird.

Etiquetas