O Concello de Friol porá a funcionar unha rede de compostaxe

O Concello de Friol porá a funcionar unha rede de compostaxeO Concello de Friol ten previsto poñer en marcha unha rede de compostaxe por todo o municipio para o que se repartirán unha serie de composteiros e impartirase a formación necesaria.

A compostaxe é un proceso de xestión de lixo que consiste en reintegrar os materiais de refugallo orgánicos no proceso produtivo do solo como fertilizante en base a unha descomposición. En realidade, a compostaxe non é máis ca reproducir nunhas circunstancias particulares e controladas o proceso habitual da natureza para a xestión da materia orgánica en descomposición.

O Concello de Friol quere crear unha rede de compostaxe coas vivendas e cos establecementos do municipio que queiran participar nesta iniciativa.

O proxecto iniciase co proceso de selección de familias, os requisitos para participar son habitar nunha vivenda unifamiliar do Municipio con parcela anexa e o número de habitantes da vivenda.

GRATUÍTOS

Os composteiros e o material necesario será cedido polo Concello de forma gratuíta a todas as persoas que o soliciten e cumpran os requisitos. Ademais tamén se impartirá formación e farase un seguimento personalizado por parte de persoal especializado para que todo funcione correctamente. Este ambicioso proxecto conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

O obxectivo do proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no municipio, obter un compost de calidade e concienciar a poboación sobre a problemática asociada ós residuos. Ademais de conseguir un aforro nas arcas municipais con respecto a partida que se inviste na recollida do lixo, xa que se verá reducido sensiblemente a cantidade de residuos orgánicos que se vertan nos contedores do lixo.

Unha vez se inicie o proceso nas vivendas, realizaranse visitas nos domicilios dos veciños participantes, para facer seguimento, resolver dúbidas e recoller datos relativos á evolución do proxecto. Finalizarase coa extracción de compost de cada composteiro e unha avaliación da experiencia, que servirá para poñer en marcha outras vindeiras fases do mesmo.

“A preocupación do Concello de Friol polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación, foron os motivos principais que nos fixeron poñer en marcha este programa que comezará coa fase formativa” explica o alcalde Jose A. Santos.

 

Etiquetas