Melloran a eficiencia enerxética no Ceip de Castro de Rei

Melloran a eficiencia enerxética no Ceip de Castro de ReiA Xunta de Galicia está a executar obras de reforma no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ramón Falcón, de Castro de Rei, ás que destina un orzamento de 250.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou hoxe no centro que as obras afectan á estrutura e aos servizos, e melloran a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a imaxe xeral das instalacións.

As actuacións programadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade encamiñadas a conseguir un aforro do consumo enerxético consisten na substitución das carpintarías exteriores por portas e ventás de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade, con cámara de aire intermedia. Así mesmo, instálase illamento térmico na cuberta.

No interior, substitúense as luminarias por equipos LED, con regulación lumínica e  detectores de presenza nas zonas comúns. Tamén se cambia a caldeira de gasóleo por outra con mellor rendemento.

ACCESIBILIDADE

No tocante á accesibilidade, instálanse ramplas no exterior e habilítase unha porta principal de entrada ao centro de maiores dimensións, aproveitando o espazo que agora suman unha porta e unha ventá. Tamén se amplían outras portas no interior.

Outros traballos que se acometen son a reforma dos aseos da segunda planta, colocación de paneis fonoabsorbentes para mellorar acusticamente as condicións do colexio,  substitución de baixantes polo exterior, e pintado de paramentos horizontais e verticais.

A duración estimada das obras é de mes e medio e está previsto que queden practicamente rematadas a finais de novembro. Execútanse de xeito que non interfiran no normal desenvolvemento da actividade lectiva.

Arias sinalou que a Xunta “traballa na constante mellora dos centros de ensino público, dando resposta ás necesidades da comunidade educativa e modernizando as instalacións para sexan máis confortables, inclusivas e sustentables”. Ademais, lembrou que esta é unha das actuacións que se engadiron á programación o pasado mes de xuño no marco do Plan de Reactivación do Sector da Construción para a mellora dos Centros Educativos, que incrementou en 30 millóns o investimento en obras previsto inicialmente este ano co fin de favorecer a creación de emprego.

O investimento previsto no presente exercicio en Galicia ascendía a 21.689.045 euros e contemplaba 248 actuacións. Co novo paquete de medidas o investimento elevouse a máis de 51 millóns de euros para 535 actuacións de obra e equipamento.

O proxecto de Castro de Rei corresponde ao listado de obras de rehabilitación sectorial, unha nova categoría que se inclúe para impulsar ás pequenas e medianas empresas, ao tempo que se axilizan os trámites para acadar unha execución máis rápida.

 

Etiquetas