Bonos consumo Vilalba

Rematan as obras da senda peonil de Matela

A Xunta de Galicia vén de rematar a construción dunha senda peonil e ciclista na estrada LU-115 que da acceso ao polígono industrial A Matela, en Outeiro de Rei.

O delegado territorial, Javier Arias, acompañado polo alcalde, José Pardo, comprobou hoxe o resultado da actuación que, segundo afirmou, “incrementa a seguridade e promove unha mobilidade máis sustentable dende unha perspectiva ambiental”.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou preto de 350.000 euros á senda, que discorre pola marxe esquerda da estrada autonómica que atravesa o parque empresarial. En concreto, esténdese ao longo de 245 metros, entre as glorietas existentes no acceso ao polígono -puntos quilométricos 1+430 a 1+720-.

Dispón dun ancho de 2,5 metros transitables, incluído o bordo, en parte sobre muros para evitar ocupacións excesivas en terreos colindantes. Nesta obra executáronse tamén os elementos de drenaxe necesarios para a correcta evacuación das augas.

A obra axuda a integrar as dúas zonas do parque divididas polas vías do ferrocarril grazas á construción dunha pasarela metálica de case 17 metros de lonxitude e 2,30 metros de ancho, dotada cunha mampara antivandálica de 2,50 metros de alto para reforzar a seguridade.

Arias lembrou que este proxecto forma parte do Plan de Sendas da comarca de Lugo que está a desenvolver a Xunta e que prevé a execución de seis sendas que suman un investimento de preto de 3 millóns de euros. O obxectivo, indicou, é favorecer os desprazamentos a pé ou en bicicleta, “que resultan máis saudables tanto dende o punto de vista individual como ambiental, ao reducir o uso de vehículos e de emisións contaminantes”.

Etiquetas