Taboada y Ramos S.L.

TSXG anula a aprobación do parque eólico de Sasdónigas que afecta o Camiño de Santiago

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu o recurso interposto por dez particulares contra a aprobación definitiva do Proxecto de Parque Eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, que abarca tamén terreos no Concello de Abadín. Os maxistrados declararon nulo o acordo do Consello da Xunta tomado en novembro de 2018 no que se deu o visto e prace á modificación do proxecto inicial do parque, que fora aprobado en 2012. Norvento, a empresa promotora das instalacións, quería incluír un cambio de modelo de aeroxerador.

“Para que as modificacións dun parque eólico teñan o carácter de non esencial, deberán dispoñer de informe favorable do órgano ambiental respecto da proposta de modificación; e, no presente caso, aínda que existe, o documento non contén todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora”, salienta o TSXG.

Os maxistrados entenden que Norvento pretende realizar “unha división artificial dun único parque eólico en dúas fases”. Así, sinalan que a denominada Fase II “carece dos elementos e equipamentos necesarios para ser considerada unha instalación independente da Fase I”. O TSXG destaca que ese “desmembramento” evita que se analicen elementos como un xacemento arqueolóxico. “Ao realizar unha avaliación ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evítase unha verdadeira avaliación global de todo o proxecto”, destaca o TSXG.

Os xuíces advirten que tampouco se valoraron correctamente “elementos especialmente protexidos, como o Camiño de Santiago”, xa que o cruza unha vía do parque eólico. Norvento, segundo consta na resolución, alegou que os aeroxeradores resultan “atractivos para os turistas, dando a entender que supoñen un valor engadido, en lugar dunha grave afectación polo seu impacto visual e acústico”. Os maxistrados recalcan que, ademais do Camiño de Santiago, o parque afecta “a importantes recursos hídricos”, entre eles dúas lagoas.

***

Etiquetas