Xermade aproba en Pleno os orzamentos e a primeira RPT

Xermade aproba en Pleno os orzamentos e a primeira RPTO Pleno do mes de novembro do Concello de Xermade reuniuse telematicamente por mor da situación sanitaria.

Os asuntos principais foron a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello de Xermade e do orzamento para o exercicio 2021, pero tamén se abordou a revogación da declaración de non dispoñibilidade de créditos acordada na sesión do 13 de agosto de 2020, e aceptar a cesión dun treito da estrada LU-P-2209, necesaria para a construción da depuradora ecolóxica de Cabreiros, investimento financiado pola Deputación de Lugo.

O primeiro punto da orde do día foi a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello de Xermade, cos votos a favor do grupo de goberno, e os votos en contra do grupo municipal do Partido Popular. Por primeira vez o Concello de Xermade vai contar con este instrumento de ordeación de persoal, de existencia preceptiva en todas as entidades locais. Após un trámite de información pública no que as persoas interesadas poden presentar alegacións, quedará definitivamente aprobada se non se presentan, e en caso de que se presenten, o Pleno terá que resolvelas no prazo dun mes.

ORZAMENTOS

O segundo punto da orde do día foi a aprobación inicial do orzamento do exercicio 2021 e anexos, que foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno, e os votos en contra do grupo municipal do Partido Popular.

O orzamento increméntase notablemente respecto do exercicio 2020. De feito, este ascende a 1.830.404 euros fronte aos 1.705.635 do ano pasado.

No capítulo de gastos en ben correntes e servizos, o Concello terá un gasto de 1.316.634, o máis elevado do orzamento. Aumenta en importe global en relación co consignado no ano anterior en varios capítulos debido ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (231.227) increméntase en 111.726,00 euros respecto ao orzamentado no 2020 e ao canon que a Augas de Galicia polo consumo en instalacións municipais, en base á inspección que se está en trámite, e que supón para as arcas municipais un importe estimado de 21.374,40 euros correspondentes ao período 2017-2020.

Para tranferencias correntes destínanse pouco máis de 60.000 euros mentres os gastos municipais están cifrados en 392.474 euros, 33.000 euros máis que no exercizo anterior.

Os investimentos teñen un orzamento de 56.815 euros, 12.000 euros menos, non obstante teñen previsto afrontar obras novas na rede de abastecemento e depuración de augas, sinalización dos accesos a núcleos de poboación e mellora de camiños municipais con cargo ao remanente do exercicio 2020, tendo en conta a suspensión das regras fiscais e a posibilidade de empregar este recurso.

Prevese unha achega municipal de 10.000,00 euros para a creación de novas infraestruturas na rede de abastecemento e depuración de augas. No 2020 solicitouse financiamento á Confederación Hidrográfico Miño-Sil para a depuradora de Momán e tamén se atopa en trámite a rede de abastecemento de auga á parroquia de Piñeiro, en colaboración co Concello das Pontes. Dada a magnitude e a contía desta obra, a súa execución pasa por realizala en varias anualidades, coa achega doutras administracións.

Tamén haberá partidas para o fondo bibliotecaerio, pequenas obras, equipamento deportivo.

Etiquetas