Pablo Veiga: “O lector identificará algún personaxe con alguén coñecido”

pablo veiga libroO colaborador deste xornal Pablo Veiga presentou o seu segundo libro, A marcha de Anxo, a súa primeira novela, ilustrada por Paula Fernández. O primeiro libro publicado por el foi precisamente unha recompilación dos seus artigos neste diario.

Como xurdiu a idea de facer esta novela?

Dende fai anos colaboro co xornal TerracháXa e con algunhas outras asociacións e faltábame dar ese paso de escritor de novela, para poñer en letras todas as historias que tiña na cabeza. Ao final decidinme a lanzarme a contar unha historia de novela, eso si, de novela curta.

Como xorde o argumento ou a historia?

Non sei exactamente como me dicidín a contar esa historia de Anxo. Eu tiña en mente a un neno que marcha da súa vila e lembra a unha serie de personaxes e situacións, e así fun elaborando todo e construíndo unha historia de principio a fin. Anxo é un neno de 9 anos que vive nas aforas dunha vila, nun contexto moi actual e favorable onde o pai teletraballa na casa e a nai faino nun supermercado, vailles moi ben pero por circunstacias e posibilidades de mellora marchan e deixan atrás a súa vida para comezar unha nova.

Hai algo de experiencia propia?

Autobiográfico como tal non é, pero si teño que recoñecer que se nota a deformación profesional xa que como traballador dos servizos sociais aparecen personaxes, situacións e historias que atopo continuamente, como poden ser persoas maiores soas, xentes con demencia, persoas en situación de marxinación social, problemas de inclusión, o caciquismo ou abuso de poder, diversidade sexual, etc, todas estas historias aparecen nas páxinas. Tampouco tiña intención de que fora así, pero supoño que como a todos nos pasa, falamos e escribimos do que pensamos que sabemos algo.

Supoño que as personaxes están marcadas por esta experiencia?

Son personaxes pero calquera de nos pode coñecer a alguén de esas características. Ao mellor na zona onde vivimos ou onde nos movemos podemos identificar a alguén así, pero estou seguro que o lector cando lea un capítulo identificará algún personaxe con alguén coñecido.

Porque xorde o tema de facer ilustracións nunha novela?

Eu tiña a intención de meter algunha fotografía como no anterior libro, e como coñecía á profesional metín 4 ou 5 viñetas as cales lle deron moito color á novela. Ademais todas elas son moi significativas.

Xa está traballando na seguinte?

Pois tiña varias historias ao principio de facer esta pero nunca me atrevera a dar ese paso, pero teño que recoñecer que xa unha a teño practicamente rematada e a primeira que comezara seguro que nun par de anos tamén sae a luz. Eu creo que se todo vai ben, nos próximos catro anos algunha máis publicarei.

Esas novelas irían na mesma liña?

A que teño rematada é un home de 60 anos que volve ao seu pobo para un enterro, e tamén se desenvolve en moi pouco tempo, nunhas horas. Esta nova novela é nunha vila nos anos 70 e volve porque morreu un amigo da infancia que tiña síndrome de Down, así, este home ten recordos do seu pasado de adolescente.

O lugar de procedencia dun parece ser logo un tema recurrente?

Si porque no caso de Anxo el marcha do descoñecido, e noutro caso é o que volve despois de marchar do seu sitio de nacemento aínda que está moi preto del. Foise e conta cuns lazos moi fortes coa xente e a súa contorna.

Como compaxinas o traballo con escribir?

Coa miña labor como traballador social en Friol teño material dabondo para facer unha novela e máis de dúas, todos bebemos e todos temos fontes das nosas vivencias. Pois compaxino bastante ben, pois traballo de mañá maioritariamente e despois busco tempo para escribir.

Contas con inspiracións?

Nos ultimos anos volvinme moi lector, pero de todos os xéneros. Vou as bibliotecas e se me chama a atención unha portada, un título ou un argumento pois agarro o libro, e o final todo o que leo sempre me aporta algo e me facilita escribir.

Supoño que non tes previsto escribir nada sobre o coronavirus non?

Si que escribín algún que outro artigo porque é imposible abstraerse de todo esto e tamén escribín algún que outro relato de verán, pero unha historia en formato novela non creo. Aínda que o virus dá material para películas, novelas, series e o que queiramos.

Foi dificil dar o salto das colaboracións, de texto curtos a novela?

Claro, non ten nada que ver. Unha cousa é escribir un artigo de 500 palabras, darlle mil voltas e repasar e repasar. Pero dar o salto á novela curta, se non fora pola miña participación no programa EmCreativo que promove a Asociación Lucense de Esclerosis Múltiple, probablemente seguiría nun caixón. Teño que agradecerllo ao profesor Alejandro Rodríguez Robledillo.

Etiquetas