Bonos consumo Vilalba

A marcha de Anxo

Por Pablo Veiga

Permítaseme solicitar indulxencia á dirección do TerraChá.Xa e ós lectores que cada mes adican parte do seu tempo a botarlle unha ollada ó que nel se conta, porque teño a ben de dedicarlle este artigo, o número cento cincuenta de servidor no xornal, á miña primeira novela que recentemente veu a luz. Talvez semelle un pouco arriscado cando falamos das nosas creacións; a outros toca realizar as pertinentes valoracións e críticas. Pero aínda así, atreverémonos a elo e, coa prudencia que cómpre ter, contaremos un chisquiño da historia que protagoniza un neno de nove anos que vive na periferia dunha vila galega. 

Anxo, así se chama este cativo, vive cos seus pais e a irmá pequena. Fanático do fútbol, ten paixón pola xeografía e quere aprender ben o inglés. Estamos na tardiña do último domingo de agosto e mañá, el e a súa familia deixan a súa casa e vanse. O pequeno decide dar unha volta na bicicleta e comeza a lembrar personaxes, momentos e historias que dunha ou doutra maneira tiveron que ver con el e que formaron parte da súa existencia: A veciña maior á que tódolos domingos lle ten que ler as necrolóxicas do xornal, os amigos do seu pai, todos eles con particularidades que os fan especiais, os seus compañeiros de xogos, o emigrante retornado, dúas rapazas que viven soas na casa do lado e que lles chaman, sen saber por que, As Puchas. Ou aqueles nenos do reformatorio que foron acollidos durante un tempo pola súa familia, sen esquecer a Amador, con quen xogaban ó fútbol e que unha demencia o apartou de todo. E aínda hai máis, pero, tal e como recomendan a un, non se debe falar moito do libro que escribiu. Este ten que ser mercado e lido. Esa é a finalidade.

O narrador, é dicir, eu mesmo, introduciuse na mente dun raparigo de nove anos, tratando de describir situacións que rodeaban a esas persoas que eran parte del e que a partir de mañá, xa pertencerán ó pasado. Difícil misión, debo recoñecer. Aínda que a esa idade, prima a inocencia, xa se observa un cativo espabilado, do mundo actual e que se dá conta de case todo.

A marcha de Anxo, así se titula esta novela curta, de doada lectura, foi escrita por un profesional dos servizos sociais, notándose unha evidente deformación profesional. Así, a realidade das persoas maiores, vítimas de violencia de xénero ou o problema da integración social descríbense na obra. Ata o caciquismo e abuso de poder ten dedicado un capítulo. Pero sobre todo, o que se tratou de reflectir é o desacougo e as consecuencias de abandonar o entorno habitual por outro lonxando e cheo de interrogantes. Como ben escribiu Rosalía, “Deixo amigos por estraños …”. A pesar de vivir nun contexto favorable, esta familia decide emigrar porque chegan novas posibilidades que se queren aproveitar. Marchan mirando para atrás, onde queda unha vida e unha xente que se sinte orfa e baleira porque xa nada será igual.

Foi e segue a ser unha constante na Nosa Terra. Que disfruten a lectura e que lles guste.

Etiquetas