Bonos consumo Vilalba

Viño, tabaco e caramelos

A CASA por TRASTOYPor Moncho Paz

Flaggolosina ou flash, Sugus, tiras de caramelos selz de soda, Palotes, “tofees” de nata, Chupa-Chups… Este último produto, inventado por Enric Bernat en 1958, acadou a súa máxima notoriedade na década de 1970 grazas ao personaxe do tenente Kojak, protagonista de serie homónima na televisión. Ademais, permitía aos nenos comer a lambetada con menor risco de atragoarse, o que dotaba ao invento dunha funcionalidade máis aló da estética. Para introducilo no mercado, nada mellor ca aliarse coa publicidade. O seu éxito non tardou en chegar, grazas a unha intelixente campaña de anuncios masivos nos medios de comunicación e á propia bondade do peperete, con nove variedades distintas de sabor e cun formato novidoso, que fixeron do Chupa-Chups o primeiro “chuche” do mundo occidental. No ecuador do decenio, a madeira empregada inicialmente na fabricación do pau foi substituída polo material de moda: o plástico, tan deostado na actualidade.

Caramelos de todo tipo podían atopar os raparigos na Casa dos Marios, a onde se desprazaban puntualmente os domingos despois da misa das doce, ate formarse auténticas filas que chegaban á altura da libraría d’a Ponte. Os confeitos máis demandados eran os esponxosos suízos de leite; tamén tiñan gran acollida as “cristinas” (boliños redondos esparexidos de azucre glass) e logo estaban as milfollas de nata, os pasteis de coco e as canas de crema, que elaboraba Pepe “o Tranquilo” no obradoiro e cunha fama que traspasaba as fronteiras de Vilalba, pois eran reclamo de centos de viaxeiros que paraban diante da tenda ao baixarse dos autobuses da empresa Ribadeo e de Ideal Auto S.A. (IASA).

Eran domingos de viño, tabaco e caramelos. Varios minutos despois chegaba a segunda quenda, integrada por nais, pais, avós e demais familia, cando saían de misa da unha con ganas de tomar un viño, unha cervexa ou un vermú, acompañado dunha petiscada nos locais da Carretera. A tapa dominical por excelencia era a de luras, que fritía a Pili do Fornos a fume de carozo, cunha especie de queimador-soprete. Facíaos ración a ración, case de xeito artesanal. E rematábanse nun abrir e pechar de ollos, pois a xente aparecía de súpeto ao saír da igrexa e todos querían a súa racionciña quente. Había unha certa tensión no ambiente e a Pili non daba feito para atender tanta demanda. Durante a semana, a tapa máis frecuente era a de mexillóns en escabeche, preparada ao cen por cen na casa, e tamén a de polbo con cachelos. E os días de feira, callos para todos, como é tradicional en moitas vilas e cidades galegas. Pola súa banda, as tapas “estrela” no bar Roca eran as empanadillas e as croquetas, todas elas caseiras e cociñadas con gran esmero por Carmucha e Medines. No seu día, tamén foron populares as luras na súa tinta e as patacas fritidas, que imitaban ás de bolsa, pero eran da súa fabricación e gardábanas nunhas grandes caixas de lata.

E que dicir dos xeados? Considerados como sobremesas de luxo, o seu consumo medrou como a escuma durante os anos 60 e 70. Os do bar Fornos eran feitos na casa, de marca propia, como adoitaban dicir na época. De base natural, con leite, vainilla, azucre e xeo. No bar Roca, os xeados eran de marca Camy, que irrompeu no mercado alimentario a mediados da década, cando a empresa Nestlé -con fábrica en Vilalba- dirixiu os seus pasos cara ao sector das sobremesas frías. Con esta estratexia, conseguiu que un produto percibido como unha solución para a calor do verán converterase nun reclamo para todo o ano. E na Casa dos Marios, Ondina ofrecía todas as modalidades coñecidas do xélido e saboroso doce: sorbetes, bombóns, terrinas, cornetes e bloques.

Finalmente, estaba o tabaco, nas súas distintas variedades. Eran os tempos nos que fumar, tanto en lugares abertos como pechados, era símbolo de glamour e sofisticación. Dende o aroma característico dos cigarros nas terrazas e no interior dos bares, onde a xente fumaba a todas horas, ate os puros vespertinos típicos dos domingos, acompañados de café e copa. Lembro de maneira especial o seu olor inconfundible asociado, a maior parte das veces, aos partidos de fútbol no estadio Roca. Aínda hoxe, cada vez que visito o recinto, miro para a grada e vexo aos vellos seguidores racinguistas degustando o habano con avidez.

Fumar era sinónimo de autoafirmación e personalidade, e o semáforo poñíase en verde para escoller a marca que un quixese, dentro do amplo abano que existía no mercado, pois estabamos a anos-luz de coñecer termos como “fumador pasivo” e de tomar conciencia de que no fume do tabaco existen milleiros de substancias químicas. Estas lembranzas son un verdadeiro indicador de como foi mudando paseniñamente a nosa mentalidade e perfilando os hábitos de consumo. Dende logo… como cambiamos, non si?

Etiquetas