Publican un libro sobre o cospeités Luis Tosar

Publican un libro sobre o cospeités Luis Tosar Dentro da colección de libros Semana de Cine de Lugo, o Grupo fotocinematográfico Fonmiñá vén de publicar Luis Tosar, o descoñecido máis coñecido, obra de Manuel Curiel, director da Semana de Cine  desde a súa creación en 1979.

O libro, de 176 páxinas, a toda cor, é un estudio sobre a vida e a filmografía deste actor, oriundo do concello de Cospeito, onde naceu no pobo de Xustás no ano 1971.

Luis Tosar xa ten sido homenaxeado na Semana de Cine de Lugo, coa que mantén estreita relación desde os seus primeiros tempos no cine, pero este 2020 coidouse o momento – data a traxectoria fulgurante do actor- de facer un “suma e segue” no seu labor no mundo da imaxe, e dar conta do que ata este momento ten acreditado na sétima arte.

O libro leva un prólogo de Mavisa Rodríguez López, profesora de Luis Tosar no Instituto, descubridora do Tosar actor, que indica que a súa misión “consistíu en animalo a perseverar por ese camiño que, como vemos, foi quen de se labrar e chegar ao máis alto”.

Curiel, con este libro, continúa coa súa traxectoria de investigación e divulgación de lucenses ou galegos relacionados coa sétima arte, destacando os seus traballos relacionados con Prudencia Griffell, Frank Braña, Carmen Correa,  Eduardo Fajardo, Manuel Lourenzo… e máis recentemente, Rosario Durcal ou Antonio Mourelos.

O libro complétase cun magnífico debuxo de Caxoto, cunha  visión ben persoal do noso homenaxeado.

A súa tirada de 1.000 exemplares, será distribuído aos interesados na publicación a través das entidades patrocinadoras e colaboradoras da Semana de Cine.

PLACAS

O actor cospeités tamén contará cunha placa homenaxe no Paseo do Cine de Lugo, que promove o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, con motivo da XLII Semana de Cine de Lugo.

Ás cinco da tarde deste xoves, no Paseo, nas inmediacións da avenida da Coruña, van ser descubertas as placas de Luis Tosar e Carmen Correa. A do actor forma parte da homenaxe que a Semana de Cine 2020 está a render ao xenial actor lucense; e a de Carmen Correa, complementa a homenaxe rendida en 2006 á artista de Baleira, para ir incorporando a este Paseo a todos os “grandes” que foron homenaxeados nas Semanas de cine lucenses.

A placa de Luis Tosar vai ser descuberta por Mavisa Rodríguez López, a súa profesora de Instituto en Lugo, que foi esencial para a reafirmación do actor na súa vocación.

Etiquetas