Ugía Pedreira actúa este sábado na casa museo de Manuel María

Ugía Pedreira actúa este sábado na casa museo de Manuel MaríaUnha das voces máis salientábeis da música galega, Ugia Pedreira, estará este sábado, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María para presentar nun concerto íntimo a súa nova proposta artística, A Pedreira.

Ugia está a pór en marcha este proxecto en que asume cada concerto como unha nova creación escénica, como se dunha estrea se tratar. Guitarra en mao pasa por múltiples misturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de numen folk americano, ou latinoamericano, unha rapera trad ou unha sofisticada pandereteira galega con reminiscencias africanas. O espectáculo contará coa colaboración do músico bretón Pierre-Yves Rougier

Esta proposta en solitaria xorde após facer parte en diversas formacións desde 1995 como Nordestinas, Marful, Chouteira, A Descarga ao Vivo (fusión da música de Cuba-Galiza), a Comuna del Barruzo, Acrobata (mistura compositiva entre o autor brasileiro Fred Martins e as cancións da Pedreira)… ou en participar en distintas aventuras musicais curiosas como co rock de Xenreira ou o jazz galego con Pablo Castaño, ou substituíndo a Omara Portuondo nun concerto de David Murray en Francia, ou colaborando con Banda Bassotti ante 5000 persoas en Roma, ou feito coros con Amparanoia, Karen Matheson…

Na escena galega Ugia Pedreira foi impulsora de innovacións, reformulou nos 90 as letras da música tradicional, propuxo accións de arte escénica para a música, impulsou un novo curriculum educacional para a música galega e abriu estéticas e camiños para nova canteira.

Para asistir a este concerto é imprescindible facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O aforo do auditorio da Casa-Museo Manuel María verase reducido polas indicacións sanitarias motivadas pola covid-19. O billete ten un prezo de 5 euros.

Etiquetas