A Biblioteca de Xermade recibe unha achega do Estado por un proxecto de animación á lectura

O Ministerio de Cultura e Deporte vén de publicar a resolución definitiva da Subdirección Xeral da Promoción do Libro, a Lectura e as Letras españolas en relación co concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner. A biblioteca de Xermade foi seleccionada entre os 300 mellores proxectos presentados por municipios menores de 50.000 habitantes.

O proxecto presentado leva por título 2020: Y a pesar de las dificultades más lectura, que acadou unha puntuación total de 61 puntos.

Este premio de 2000 euros é unha axuda moi importante para poder adquirir todos aqueles libros ou publicacións periódicas que os/as usuarios e veciños de Xermade queiran ler.

“Aproveito tamén para darlle a miña noraboa a tódalas bibliotecas que participaron neste concurso e moi especialmente ás 10 bibliotecas galegas premiadas, nun ano tan difícil para poder levar a cabo as actividades de animación á lectura programadas”, din dende a Biblioteca, que dirixe María González Cabarcos. Engade que “seguiremos pelexando pola animación á lectura en Xermade e a pesar das dificultades, máis lectura”.

A Biblioteca abriu un tempo para recibir as suxestións dos usuarios para a compra de material a través do enderezo electrónico, xermade.rbgalicia@eidolocal.es, no teléfono: 982501055, ou ben a través do servizo de mensaxería de Facebook.

Etiquetas