Aprobado o Plan de transporte metropolitano que integra a Castro, Outeiro, Rábade e Friol

Aprobado o Plan de transporte metropolitano O Consello da Xunta autorizou a sinatura do novo convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de transporte metropolitano de Lugo, cun investimento autonómico de case 326.000 euros para os vindeiros 4 anos.

O Goberno galego achegará anualmente preto de 81.500 euros para financiar os descontos nos billetes, os transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.

Entre os 9 concellos integrantes da área de transporte, que xa referendaron oficialmente este novo convenio, achegarán máis de 19.000 euros ao ano.

Cómpre lembrar que este plan está integrado pola Xunta e os concellos de Lugo, Castro de Rei, Outeiro de Rei, O Corgo, Guntín, Castroverde, Rábade, Friol e Baleira.

O obxectivo do convenio hoxe aprobado é garantir a continuidade deste plan social en condicións similares ás que se aplican desde a súa posta en marcha en novembro de 2012.

No marco do Plan de transporte metropolitano, o Goberno galego contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Ademais, A Xunta financia o 100% dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e familias numerosas, ata o 50%.

O plan, que incrementou nun 27% o uso do transporte público nesta área, rexistrou desde a súa a posta en marcha máis dun millón de viaxes bonificadas.

Este plan supón que na actualidade case 7.300 veciños da área de Lugo se beneficien dos descontos da tarxeta de transporte metropolitano, TMG, nos desprazamentos cotiáns, coa que poden acadar aforros que roldan os 800 euros ao ano.

Tarxeta Xente Nova

Ademais, nesta área tamén hai 1.300 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa tarxeta Xente Nova.
A Xunta prevé culminar a mediados de 2021 a extensión da tarxeta Xente Nova e da TMG a todas as liñas de autobús da comunidade.

O acordo aprobado hoxe renova e reforza a promoción do transporte público colectivo na área de Lugo, ao tempo que a Xunta continúa avanzando cara á implantación da Área de Transporte de Galicia, que suporá estender os beneficios das grandes áreas de transporte metropolitano ao conxunto do territorio.

A Área de Transporte de Galicia suporá a activación dunha mesma tarifa en toda a Comunidade e despenalizará os transbordos, incluídos os que impliquen o autobús urbano, que serán bonificados ao 100% polo Executivo autonómico.

O Goberno galego continúa apostando polo fomento do uso do transporte público en detrimento do vehículo particular, o que supón importantes aforros económicos para as familias e vantaxes sociais e ambientais para os cidadáns.

Etiquetas