PSOE e BNG de Vilalba, críticos coa Xunta en materia sanitaria

PSOE e BNG de Vilalba, críticos coa Xunta en materia sanitariaO Bloque Nacionalista Galego organizou en Vilalba diante do seu centro de saúde unha concentración baixo lema Defendamos a Sanidade Pública Galega, Non aos Recortes na atención Primaria. Nesta concentración estivo presente a deputada por Lugo e viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, xunto con integrantes da organización na localidade.

O Bloque propón como punto de incio para reforzar a Sanidade Pública, un incremento de 100 millóns de euros para a atención primaria nos orzamentos da Xunta 2021. A deputada nacionalista Olalla Rodil sinalou “a atención primaria é unha peza chave para xestionar e frear a pandemia” no que engadiu “a Xunta ten que garantir o persoal e os materiais precisos para o total funcionamento da Sanidade Pública”.

A deputada explicou que a prioridade da fronte nacionalista é frear o virus e fixo fincapé en que “hai que desconfinar atención primaria” para poder garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega. Rodil destacou que “hai que atender aquelas persoas que seguen a sufrir as memas enfermidades antes de que chegara a covid-19”.

O BNG pedirá tamén protocolos claros para finalizar coas discriminacións e desigualdades que se veñen detectando na atención nos últimos meses.

PSOE

Pola súa banda, Aa Agrupación Socialista de Vilalba vén de manifestar o seu desacordo coa xestión da Consellería de Sanidade sobre a crise sanitaria de emerxencia na que se atopa Vilalba desde hai unha semana. Consideran insuficiente a información que as fontes oficias comezaron a facilitar publicamente “despois de moitas reticencias”, pois a día de hoxe a cifra de casos positivos en Vilalba segue sendo moi elevada, cun gran foco de contaxio na Residencia de Persoas Maiores “sen que se explique a evolución deste gromo e cun escurantismo que xera moita desconfianza entre a poboación”.

Así, a única institución encargada de dar información pública durante toda a pandemia foi o Concello de Vilalba, achegando o número de casos e “moitas explicacións que outros nunca deron”. Tal e como anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Ñúñez Feijoo, a Consellería comezou a facer públicos os datos por concellos, “pero chegan tarde e cunha falta de transparencia evidente”.
Os socialistas consideran que un aumento de contaxios exponencial e tan grave como o que rexistrou Vilalba “merece de explicacións máis polo miúdo, así como dunha mellor coordinación da administración autonómica coa local, pois de non ter sido pola insistencia do Concello á hora de facerse cos datos, parte das informacións tiveran sido recibidas a través dos medios de comunicación”

A secretaria Provincial e deputada Autonómica do PSdeG-PSOE, Patricia Otero, anunciou que preguntará no Parlamento de Galicia polo gromo de contaxiados na Residencia de Persoas Maiores de Vilalba. Neste senso, vén de rexistrar esta semana unha batería de iniciativas parlamentarias para coñecer o protocolo da Xunta neste centro.

A deputada Autonómica quere coñecer, entre outros asuntos, que medidas adoptou a Xunta de Galicia para atallar o gromo da Covid19 na Residencia de Maiores de Vilalba dende que se detectaron os primeiros casos, así como cal ou cales foron os motivos, segundo a Xunta de Galicia, para que o número de casos positivos na Residencia de Vilalba aumentaran de xeito exponencial, en tan pouco tempo, ata acadar a cifra de 132 contaxiados. Do mesmo xeito, preguntará se o Executivo considera que mantivo unha boa comunicación co Concello de Vilalba á hora de trasladarlle os datos e as medidas a adoptar no relativo ao gromo detectado en dita Residencia.

Etiquetas