Vilalba e As Pontes seguen aumentando o número de contaxios

Vilalba e As Pontes seguen aumentando o número de contaxiosTras días á baixa, a provincia sumou hoxe 5 novos casos activos tras rexistrarse 61 contaxios máis nas últimas horas, o dobre que onte. Deste xeito aumentan o número de casos novos que nos últimos días estivo en 31 e 48. O dato paliouse coas 66 altas que se deron na xornada de onte o que fai que sexan 4.994 as persoas que xa superaron a enfermidade na provincia.

Deste modo a provincia ten contabilizados a día de hoxe 1.065 casos, segundo figura no balance facilitado polo Sergas este sábado que recolle datos ata as 18.00 horas do venres. Mantense o número de falecidos en 12o aínda que xa se sabe que houbo outra morte, unha veciña de Cervo, pero produciuse o deceso despois do peche das estadísticas.

A presión hospitalaria mantense en cifras similares. Hai 36 pacientes ingresados na provincia polo covid-19, dos que 32 están en planta (dúas máis que o venres) e catro na Uci do Hula (dous menos). Dos que se atopan en unidades convencionais, 23 recupéranse no hospital público lucense (catro máis), cinco no Hospital da Mariña (dous menos) e catro no de Monforte (os mesmos).

A situación empeora en Vilalba, con 197 casos detectados nos últimos días, 23 nas últimas horas. Agora mesmo é o concello da provincia cos datos máis negativos. Castro de Rei mantense cos 18 contaxios detectados nos últimos días e sen crecer nas últimas horas, a mesma situación de Cospeito, con dez.

Nas Pontes segue subindo a incidencia e xa son 58 os casos diagnosticados nos últimos días, catro máis dende onte.

GALICIA

Os positivos por coronavirus detectados nas últimas 24 horas en Galicia volveron caer ata os 355, o que supón unha baixada de 71 con respecto aos notificados onte . Con todo, rexistráronse varios repuntes ademais de en Lugo, na de Pontevedra-O Salnés e, aínda que en menor medida, na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras.

En concreto, en toda a provincia ourensá detectáronse 17 novos contaxio nun día, dous máis que o día anterior, pero segue a ser a área sanitaria menos afectada. En Pontevedra-O Salnés subiu máis con 55 positivos novos (4 máis).

En canto ao resto de áreas, todas experimentaron caídas. Así, Vigo continúa como a que máis casos notificou nun día, con 74 novos contaxios, pero son 41 menos que os detectados a xornada previa. De igual modo, a da Coruña-Cee sumou 73 positivos, o que supón 18 menos. Na área sanitaria de Santiago-Barbanza foron 39 novas (-18); e na de Ferrol, 36 (-30).

En canto aos casos activos, este sábado volveron experimentar unha caída de 241 con respecto ao venres, ata colocarse nos 8.211 pacientes. A área de Vigo segue á cabeza no total de pacientes covid, pero notificou un descenso dun centenar nun día. Agora son 2.168 os enfermos. A continuación sitúase A Coruña-Cee, con 1.697 casos activos, 27 menos que o día anterior.

Ademais, caeron os infectados en Pontevedra-O Salnés, ata os 1.167 pacientes (-33); Santiago-Barbanza, ata os 898 (-32); e Ferrol, ata os 706 (-31). Así as cousas, Sanidade recolle que desde o principio da pandemia que 42.208 curáronse, 592 nas últimas 24 horas. Pero continúa á alza o cómputo de falecidos, que se elevan a 1.191 tras as 12 novas vítimas mortais notificadas onte a última hora da tarde, dúas delas usuarios de residencias de maiores.

O número de ingresados covid en Galicia volveu experimentar unha baixada ao situarse en 469, 28 menos dos que había o día anterior e unha caída de 55 hospitalizados respecto a as cifras de fai sete días. Tamén se reduce a presión sobre as ucis, que acollen a 85 persoas, oito menos que 24 horas antes. Nese momento hai un total de 469 persoas ingresadas con diagnóstico de covid-19, das cales 85 están en críticos.

 

Etiquetas