--->https://galiciaxa.com/?p=24827 O BNG de Outeiro reclama partidas nos orzamentos para os pasos de peóns e rotondas na N-VI - Terrachaxa.com

O BNG de Outeiro reclama partidas nos orzamentos para os pasos de peóns e rotondas na N-VI

O BNG de Outeiro reclama partidas nos orzamentos para os pasos de peóns e rotondas na N-VIO BNG no Parlamento ven de presentar as emendas correspondentes para intentar que se corrixa “a inxustiza que supón” que se retire do Proxecto de Orzamentos do Estado as partidas necesarias para construír as rotondas e os pasos seguros para os peóns na N-VI ao seu paso pola vila de Outeiro de Rei

Estes pasos seguros para os peóns, así como as rotondas, son imprescindibles para poder cruzar con algunha seguridade a estrada, pois esta divide a vila en dúas metades e para pasar dun lado ao outro hai que cruzar catro carrís infrinxindo a normativa legal, sen ningún tipo de elemento protector para os peóns e incluso sen limitación de velocidade de 50 km/hora para os vehículos.

A situación existente no concello de Outeiro de Rei é un caso único en todo o tramo de N-VI entre Coruña e Madrid, pois non existe ningunha vila onde non haxa absolutamente ningún paso para poder cruzala dun lado ao outro. Esta situación mantense pola pasividade mostrada polo concello durante décadas e pola negativa dos distintos gobernos que pasaron por Madrid, de todas as cores, a poñerlle unha solución.

No anterior proxecto de orzamento contemplábase unha partida económica para estas infraestruturas, partidas que agora o goberno do PSOE e Podemos eliminou dentro destes 105 millón menos que vai recibir Galiza con estes orzamentos con respecto ao últimos que houbo.

“Non se pode entender que nos orzamentos máis altos da historia do Estado Español e onde se introduce un incremento económico sen precedentes, se castigue deste xeito a un concello como Outeiro de Rei eliminando as partidas que xa estaban consignadas no anterior proxecto. Iso xa parece odio ao pobo, ao de Outeiro de Rei e ao pobo galego”, manifestou Xosé Ferreiro.

“Dende o BNG de Outeiro vaise seguir a traballar para corrixir esta inxustiza e vaino facer dende todas as frontes. No Parlamento Español xa se está a facer o traballo correspondente e dende Outeiro imos convocar mobilizacións en canto a situación sanitaria o permita. Non imos consentir que se non sega perseguindo deste xeito”, rematou dicindo Xosé Ferreiro.

Etiquetas