--->https://galiciaxa.com/?p=24845 A Xunta sinala unha explotación de Muimenta como mostra de innovación - Terrachaxa.com

A Xunta sinala unha explotación de Muimenta como mostra de innovación

A Xunta sinala unha explotación de Muimenta como mostra de innovaciónA Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego deseñada pola Xunta de Galicia outorga un papel esencial á profesionalización e á remuda xeracional nas explotacións gandeiras, favorecendo accións no ámbito formativo, fiscal ou organizativo, entre outros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a explotación Grixeira SC, en Muimenta (Cospeito), e subliñou que esta iniciativa pretende incidir na produción, na industria, nos mercados, na cadea de valor e na formación e innovación, co fin de consolidar os produtos lácteos galegos nos mercados nacional e internacional.

Unha das principais liñas de traballo está orientada a incrementar a formación dos gandeiros en xestión empresarial. Igualmente, impulsarase o asociacionismo profesionalizado dos produtores como empresarios, promovendo que as cooperativas se constitúan como organizacións de produtores profesionalizadas e tamén a súa entrada no capital de novos investimentos industriais do sector.

Con este fin, desenvolveranse cursos de formación continua e fomentarase o asesoramento integral e multidisciplinar das explotacións lácteas, facendo fincapé en materias transversais vinculadas á rendibilidade das explotacións leiteiras.

Ciclos de FP dual

Do mesmo xeito, prevese perfeccionar a formación relacionada coa gandería en todos os niveis educativos, incrementando as materias relacionadas coa xestión empresarial e co manexo das explotacións de vacún de leite. Para iso, adaptaranse os ciclos de FP das familias profesionais agrarias á realidade produtiva de Galicia e ofertaranse as modalidades de formación profesional dual para combinar o ensino no centro educativo coa aprendizaxe na propia granxa.

A remuda xeracional producirase, polo tanto, neste novo contexto de maior profesionalización. Na valoración das solicitudes de axudas para a incorporación de mozos ao agro, establecerase un sistema que prime a formación universitaria e a formación profesional.

Ademais, a Estratexia persegue mellorar a produción garantindo a continuidade das granxas con viabilidade, a través dun Banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e establecendo un programa de preparación para a sucesión. Para apoiar a remuda xeracional, contémplanse incentivos fiscais e outras medidas de apoio financeiro.

Explotacións modernas e dimensionadas

Javier Arias destacou que “o nivel de profesionalización da gandaría lucense é xa moi elevado”, o que se traduce en explotacións modernas e dimensionadas, a agrupación de produtores en Sociedades Agrarias de Transformación ou cooperativas, ou a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo, entre outros aspectos. “A Estratexia da Xunta -confirmou- vén apuntalar un modelo de xestión que dá como resultado empresas de produción leiteira máis eficientes e competitivas”.

Neste sentido, Arias lembrou que a Consellería do Medio Rural desenvolve programas de apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas -coñecidos como plans de mellora-, á incorporación ao agro de persoas mozas e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Dende o comezo do desenvolvemento deste plan no 2014, aprobáronse achegas no concello de Cospeito por importe global de 2,2 millóns de euros. Deste montante, 1,6 millóns corresponden aos plans de mellora, para obras e equipamento, e 629.000 euros a apoiar a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria.

No presente exercicio, e debido á situación provocada pola pandemia, a Consellería ampliou ata o 15 de decembro o prazo de que dispoñen os solicitantes para entregar a documentación, en concreto para facilitar a obtención de licenza dos proxectos de obras.

Etiquetas