--->https://galiciaxa.com/?p=24842 A Xunta supervisa os investimentos en Abadín - Terrachaxa.com

A Xunta supervisa os investimentos en Abadín

A Xunta supervisa os investimentos en AbadínA Xunta de Galicia achegou 272.800 euros ao Concello de Abadín para executar actuacións medioambientais no municipio, en concreto a mellora de accesos en seis parroquias e a adquisición de 67 contedores de residuos para distribuír noutras sete.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o concello para comprobar as actuacións, financiadas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental deste ano.

As accións realizadas consistiron no acondicionamento de vías en espazos naturais das parroquias de Romariz, Labrada, Moncelos, A Graña, Vilarente e Baroncelle. Así, melloráronse os accesos a montes, terras de cultivo, explotacións gandeiras, lugares que albergan instalacións de enerxía renovables ou zonas forestais de produción de biomasa.

Arias subliñou que as melloras facilitarán os desprazamentos por estas contornas rurais e favorecerán os labores de prevención e extinción de incendios, a realización de actividades produtivas sostibles e respectuosas co medio ambiente e mesmo o fomento de accións divulgativas nestes espazos naturais.

Así mesmo, tamén foron adquiridos 67 contedores para ubicar en distintos lugares das parroquias de Castromaior, Cabaneiro, As Goás, Abeledo, Corvite, Moncelos e A Graña, co que se logra que o equipamento destinado á recollida de residuos domésticos chegue a máis puntos de municipio.

O delegado lembrou que as achegas do Fondo de Compensación Ambiental “son posibles grazas á aprobación, en 2009, da lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental”. Remarcou que son axudas “moi últiles para os concellos, xa que van destinadas a financiar actuacións medioambientais e de reequilibrio territorial”.

Etiquetas