Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Escollidos sete proxectos para participar na BFaero de Rozas

Por 2 Decembro, 2020Sin comentarios

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu na Fundación CEL en Lugo ao acto de presentación dos proxectos seleccionados na terceira edición da BFAero, unha nova convocatoria que se abre ao exterior e confirma o interese que esperta esta aceleradora aeronáutica, xa que catro dos sete proxectos que participarán son de fóra de Galicia. “A nova edición achega unha imaxe clara dun Polo Aeroespacial aberto a novas iniciativas que pretenden non só reter, senón tamén captar talento”, explicou Conde.

Na súa intervención, o vicepresidente segundo, asegurou que confía en que as novas iniciativas consoliden a BFAero como o núcleo da industria aeroespacial. Os proxectos seleccionados permitirán avanzar na autonomía, servizos, control de voo, xestión e operacións con drons. “A BFAero é unha iniciativa que aposta polo emprendemento con proxectos que dan resposta aos retos marcados polos nosos socios tecnolóxicos, atendendo as necesidades dun sector estratéxico”, subliñou.

A través desta aceleradora preténdese consolidar o tecido empresarial, fundamentalmente as pemes; transferir ao mercado novas solucións innovadoras e atraer e reter talento. Nas dúas edicións anteriores, este programa xa permitiu mobilizar 3,6M€; crear 63 empregos e constituír cinco empresas ao seu abeiro. Hoxe mesmo, ademais, licenciáronse tres proxectos: a aeronave UAV Works (de Valencia); as pezas para drons de Lupeón (Nigrán) e mais a plataforma para análise de datos de Pildolabs (Lugo).

Conde, que destacou o espírito de colaboración público-privada que define a BFAero, lembrou que a industria aeroespacial, a través do Polo Aeroespacial de Rozas, é un dos 108 proxectos cos que Galicia optará aos fondos europeos de recuperación. Insistiu na oportunidade que supoñen para transformar o modelo económico galego e lembrou que os Orzamentos da Xunta reservan para o 2021 un total de 20M€ para consolidar esta iniciativa.

Os proxectos da terceira edición

Dos sete proxectos seleccionados na BFAero, catro serán acelerados e outros tres incubados. En concreto realizarán a fase de aceleración CIES Solar de Pontevedra, que buscará realizar misións automáticas de fotogrametrías de máis de 1000 hectáreas ao día; SAQQARAH, de Vigo, para afondar na inspección de procesos industriais e verquidos medioambientais; PrimeCor, de Alacante, desenvolverá un sistema de control de voo para drons fiable, seguro e certificable e Atom, de Madrid, ofrecerá unha ferramenta integral para o uso de drons en operación e mantemento de instalacións industriais.

En canto aos proxectos de incubación serán Dronesuit da Coruña, unha plataforma cloud con ferramentas e utilidades para facilitar a xestión, operación e administración; Pharmadron, de Zaragoza, avanzará no uso de vehículos non tripulados no sector da loxística e distribución no sector da saúde; e SOLARBotix, de Madrid, estudará a viabilidade da fabricación de placas solares mediante tecnoloxías de fabricación de compostos para que poidan modelarse en superficies non planas como as ás dos avións.