Taboada y Ramos S.L.

Sanidade impón nas Pontes o peche perimetral e da hostalaría

Sanidade impón nas Pontes o peche perimetral e da hostalaríaO Comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, vén de incorporar ás Pontes á listaxe de concellos con medidas especiais. Esto é debido ao aumento de contaxios experimentados na localidade nos últimos 14 días, cun crecemento constante ata os 73 rexistrados onte, doce máis que nas dúas xornadas precedentes.

Tras analizar os datos epidemiolóxicos rexistrados nos últimos días no concello das Pontes, o grupo de expertos acordou reforzar os seus niveis de restricións, co que pasarán a formar parte da listaxe de 56 concellos galegos con medidas especiais e nos que se aplica o coñecido como modelo Carballiño.

As limitacións entrarán en vigor a partir das 12 da noite do venres ao sábado e estarán vixentes un mes. Deberán pechar os negocios de hostalería, que só poderán manter o servizo a domicilio, mentres que o comercio seguirá funcionando. En canto á práctica deportiva, quedará restrinxida ao “deporte individual”.

Cines, teatros, auditorios e outros recintos culturais poderán seguir funcionando pero co aforo ao 50%, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior. Tamén haberá redución de aforo nas zonas comúns das grandes áreas comerciais, que queda nun terzo do total.

OUTROS CONCELLOS GALEGOS

Tras avaliar a boa evolución epidemiolóxica rexistrada nas áreas perimetrais conformadas por Santiago-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-Pereiro de Aguiar, o Comité clínico decidiu diminuír as medidas restritivas nestes concellos, nos que voltarán a ter vixencia as restricións de tipo xeral. Do mesmo xeito, as localidades da Estrada e Ares, tamén verán diminuídas as súas restricións, retornando ao nivel 2 de restricións.

Ademais, cómpre salientar que as localidades de Boiro, A Rúa, A Lama, Ordes e Cerceda, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, serán obxecto dunha vixilancia especial por parte do grupo de expertos.

Sanidade lembra da obrigatoriedade de cumprir todas medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

Etiquetas