O PP denuncia ao delegado de Deportes da Deputación de mala xestión

O grupo provincial do PP vénd e denunciar “a mala xestión que está a facer o delegado de Deportes, Efrén Castro (BNG), dos protocolos para o uso das instalacións provinciais, concretamente do Pazo dos Deportes o dos seus anexos”. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “Dicimos isto porque son moitas as queixas de clubs que ven como en instalacións deportivas provinciais como as citadas se duplican as restricións establecidas pola Xunta de Galicia e polas federacións, normas estas últimas que reducen o aforo practicamente a metade, pero que permiten o adestramento e a competición a todos os clubs federados”.

Castiñeira sinala: “A queixa é que a Deputación aínda duplica esas restricións, ata chegar ao punto surrealista de que as pistas de squash só poden ser utilizadas por unha persoa, cando se sabe que este deporte se xoga entre dous; é dicir, non se pode adestrar en condicións normais. Isto mesmo pasa coas diferentes pistas tanto nos anexos como no propio Pazo; un exceso de celo que está coartando a actividade, xa non a normal por causa da covid, senón que prexudica dobremente aos clubs lucenses”.

Para o portavoz portavoz popular, “o máis grave non é o exceso de celo; o grave é que no goberno provincial non se escoitan as queixas, os problemas dos clubs deportivos”. Castiñeira sinala: “Hai representantes de clubs que queren falar co delegado de Deportes e non o conseguen. Expresaron a súa queixa tamén á presidencia e tampouco foron atendidos. O trato que dá este goberno bipartito ao deporte lucense resúmese así: máis restricións, máis impedimentos e poucas facilidades para superar un momento tan complexo para o deporte como é este. A Deputación de Lugo, nun exceso de celo, está poñendo máis trabas das que xa teñen a todos os clubs lucenses no uso de instalacións provinciais como son o Pazo dos Deportes e os seus anexos”.

Etiquetas