Arias aclara que a hostalaría vilalbesa pode acollerse ao Plan de Rescate

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que os hostaleiros de Vilalba poden acollerse ás tres liñas de axudas do Plan de Rescate, unha de 30 millóns para autónomos, outra de 37 millóns para microemprensas, e unha terceira, para a hostalería que se encontre pechada, que ascende a 17 millóns de euros.

A Consellería de Emprego e Igualdade aclarou no DOG bis publicado no día de onte que computará como semana completa a que comezara a contabilizarse, aínda que non tivera rematado. Este é o caso de Vilalba, que non terá que completar os 15 días de peche requiridos para poder acceder ás axudas da hostalería, que se cumprirían mañá. Ademais, avanzou que nesta localidade, que se atopa no nivel máximo de restrición, os hostaleiros van poder seguir recibindo axudas ao non poder abrir no interior e só en exterior ao 50%.

Por outra banda, Arias lembrou que o pasado xoves, o Igape publicou unha nova liña de axudas para reforma e adaptación de terrazas e instalación de toldos. Estas achegas poderán ser de entre 1.500 ata 25.000 euros de gasto subvencionable, a fondo perdido ata o 80%, e cun anticipo do 50% do importe da axuda sen garantía.

O delegado territorial de Lugo cre que o goberno vilalbés pecou de precipitación creando alarma no sector mentres que a Xunta traballa para garantir que ningún hostaleiro quede fóra das axudas. Por iso, a tramitación para acceder a elas é áxil e sinxela, co fin de que o sector dispoña canto antes destas achegas. Con respecto ás axudas contempladas no Plan de Rescate, o delegado territorial recordou que sempre está enriba da mesa a posibilidade de ampliar o crédito para 2021.

Por último, reiterou que “este plan de axudas foi negociado en diversas reunións coas principais asociacións de hostalería de Galicia e co Clúster de turismo, e atendeuse a petición urxente de apertura dos negocios o antes posible”.

Etiquetas