Comunican a morte de catro usuarios da residencia de Vilalba por covid

Catro falecidos da residencia de Vilalba engrosan o balance da acción do coronavirus na provincia nas últimas 24 horas, falecementos anteriores pero que non se incluíron ata o de agora por un erro informático. Deste xeito, xa son 130 as persoas que perderon a vida dende que deu comezo a pandemia.

Mentres, volven descender unha xornada máis os casos activos de coronavirus na provincia, 29 menos que onte e xa son 829. Este dato vén condicionado coma sempre polos 39 novos positivos (onte houbo 32) e polas 67 altas das últimas 24 horas (onte foron 58). Ademais hai tamén un acumulado de infectados de 6.424 e 5.464 curados.

Descende tamén a hospitalización lixeiramente nunha persoa polo que só queda na UCI do Hula un paciente. Na planta do Hospital de Lugo hai 22 (dous máis), 1 na Mariña (dous menos) e 3 no de Monforte (os mesmos que onte).

Por concellos, Vilalba sumou un positivo máis e xa son 72. Sobe lixeiramente en Outeiro de Rei, con 14 (1 máis que onte) e de forma máis pronunciada en Cospeito con 18 casos (7 novos dende onte). Castro de Rei segue a baixar con 19 casos detectados no últimos 14 días, dous menos.

Na veciña As Pontes a situación empeora e foron contabilizados outros 6 casos máis novos polo que os casos detectados nos últimos 15 días son xa 99.

Os concellos de Vilalba e As Pontes continúan en máxima alerta.

Etiquetas