Begonte aproba o seu orzamento, de 2,7 millóns de euros

Begonte aproba o seu orzamento, de 2,7 millóns de eurosA corporación municipal de Begonte aprobou por unanimidade o seu orzamento anual, que ascende a 2.770.690 euros para o 2021. Do total, a maior parte deles, o 56%, que corresponde ao redor de 1.566.000 euros, destinarase ao mantemento de servizos públicos como iluminación, rede de sumidoiros e abastecemento de auga, entre outros.

Para o capítulo de persoal prevese un gasto duns 620.000 euros, que se traducen en algo máis do 22% do total do orzamento municipal. Por outra banda, o Servizo de Axuda non Fogar rexistra un importante aumento orzamentario con respecto ao ano pasado despois de que se incrementase o prezo da hora na nova adxudicación do servizo. Este servizo supón uns 430.000 euros, que son máis de 100.000 euros máis que o ano pasado.

Tamén hai outras partidas definidas, como 152.000 euros para repartir entre asociacións culturais e deportivas e outras subvencións e a de 90.000 euros do fondo de continxenciapara imprevistos. O capítulo de investimentos está dotado cuns 325.000 euros, pero quedan pendentes dos remanentes de tesourería, convenios que se poidan asinar con distintas administracións ou a construción do parque eólico entre Friol, Begonte e Outeiro de Rei.

Dentro do capítulo de investimentos, o Concello destinará 200.000 euros, a partida máis elevada, á reparación e mantemento da rede viaria municipal, xa que están a realizar un proceso de transformación do asfaltado a aglomerado en quente, dos que xa se levan feito 40 quilómetros.

A estes uniranse previsibilemente os fondos procedentes de subvencións da Xunta e a Deputación. Outros 50.000 euros destinaranse ao acondicionamento de espazos públicos e instalacións municipais, como a antiga cámara agraria, a fonte de Baldomar ou a capela de San Vitorio.

Etiquetas