Arrinca o Nadal en Vilalba co acendido da iluminación

Arrinca o Nadal en Vilalba co acendido da iluminaciónO Concello de Vilalba estreou onte as súas luces de Nadal para iluminar as principais rúas e prazas “coa esperanza de que cheguen tempos mellores e pasar o máis cedo posible esta páxina amarga da nosa historia”, subliñan desde o Concello facendo mención da situación sanitaria da Covid-19.

Así mesmo, o goberno local fai fincapé en que “o mellor agasallo deste Nadal é coidarnos, pero queríamos traer luz e cor para o noso pobo nunhas circunstancias adversas nas que un pouco de ilusión é máis necesaria ca nunca”.

As principais rúas de Vilalba contan con iluminación, pero se damos un paseo pola vila, atoparémonos con distintos motivos de Nadal que “foron moi ben acollidos pola veciñanza”. Así, a Casa do Concello felicita estas datas cun “Bo Nadal” que ilumina toda a praza, cunha árbore grande na parte de abaixo. A árbore da Pravia tamén conta coa súa luz, así como o resto de árbores da contorna. No coñecido como parque da gardería tamén se colocaron unhas figuras “pensando especialmente nas nenas e nenos”.

A praza de Santa María resplandece tamén con luces e unha bola de Nadal de gran tamaño, e a praza do Auditorio está decorada con dúas árbores de luces.

Este ano tamén haberá un poboado de Nadal, con figuras de cores e luces, casetiñas e outras decoracións propias destas datas.
O Concello de Vilalba pon de relevo que este Nadal será distinto a todos os demais, “en moitos casos non poderemos ver nin apertas a moitas persoas queridas, pero pensemos que a mellor forma de protexernos é respectando todas as medidas e facendo un esforzo por minimizar os contactos”.

Todos os pobos están facendo fronte a unha situación moi complexa, que no caso de Vilalba afectou especialmente nas últimas semanas, polo que desde o goberno “enviamos todo o noso agarimo á nosa veciñanza, a todas as persoas que o están sufrindo en primeira persoa, ás que están coidando dos seus, ás que levan cun traballo encomiable desde o principio da pandemia, expostos e cunha determinación admirable; en definitiva, a todas e cada un de vós, porque conseguiremos saír desta”.

Con estas verbas felicitaron o Nadal aos vilalbeses e vilalbesas, desexando que desfruten, aínda que sexa dunha forma distinta, destas datas tan significativas.

Etiquetas